Opinión

O lugar do PSdeG

A resaca da batalla do Comité Federal do PSOE chegou a Galicia, onde Abel Caballero cuestionou xa a representatividade da Xestora presidida por Pilar Cancela que goberna o PSdeG dende a demisión de Xosé Ramón G. Besteiro. Semella un chisco chocante esta preocupación do alcalde vigués, cando dez dos once membros galegos do Comité Federal votaron contra Pedro Sánchez, só dous meses despois que o conxunto da afiliación galega ratificase Xoaquín F. Leiceaga como candidato á Xunta, fronte ao candidato apoiado por eses dez membros.

Ao PSdeG ocórrelle algo semellante ao que lle ocorre a moitos outros partidos socialdemócratas europeos: non teñen unha diagnose da situación actual e, xa que logo, non poden achegar propostas de futuro viábeis. Na Galicia agrávase substancialmente esta indefinición pola absoluta inadecuación entre o sucursalismo amosado historicamente por boa parte do PSdeG e a necesidade dun proxecto propio e autónomo para este País. Precisamente, os níveis máis altos de apoio cidadán aos socialistas nunhas eleccións nacionais galegas déronse cando foron quen a contar cun relato galego de seu. Eis os 28 deputados acadados por González Laxe no 1989 ou os 25 de Pérez Touriño no 2005.

O PSdeG nunca foi quen de ser alternativa por si só, porque na Galicia nunca existiu propiamente bipartidismo

As diferenzas estratéxicas entre ese sucursalismo, que adoita integrar tamén os sectores máis relativistas a respecto da corrupción e máis achegados a unha consideración inmobilista da Constitución, e os sectores renovadores, gañadores das primarias deste verán, xiran arredor da política de alianzas e, en concreto, sobre a  necesidade de tecer alianzas naturais con En Marea (canda as distintas Mareas municipais) e BNG. O PSdeG nunca foi quen de ser alternativa por si só, porque na Galicia nunca existiu propiamente bipartidismo. Velaí que recoñecer esa circunstancia e construír acordos de goberno locais e, en diante, nacionais sexa absolutamente preciso para o PSdeG se non quere ser unha organización inútil. 

As “vellas glorias” sucursalistas do PSdeG están hoxendía fóra da realidade, como xa llelo  manifestou a afiliación ao empoderar Leiceaga fronte a Méndez Romeu nas recentes primarias nacionais. Non velo sería inviabilizar unha alternativa ao PP por moitos anos.

Comentarios