Opinión

O lugar do BNG

O BNG enfrontaba as eleccións nacionais do 25-S despois dun proceso de sete anos e medio de continua perda de sufraxios electorais nos comicios galegos e estatais. Proceso éste no que teñen moito a ver os propios erros da dirección frontista e os esencialismos e resistencialismos tan propios das dinámicas internas do Bloque. Xa que logo, as expectativas eran de acadar só mínima representación polas circunscricións atlánticas, sen desbotar a posibilidade, máis remota, de ficar fóra do Parlamento.

Mais o BNG foi quen de reaxir. Elixiu unha moi boa candidata, persoa nova mais de ampla experiencia parlamentaria que foi quen de actualizar e facer atractivo un discurso soberanista e social sen por iso abdicar dos principios nos que se recoñece o sector social que adoita apostar polo BNG. A campaña de Ana Pontón foI fulcral para conter a corrente de voto usualmente BNG que estaba a emigrar cara á abstención, ao tempo de facer voltar milleiros de votos que apostaran polas Mareas nos procesos locais e estatais do 2015 e 2016, quizais por dúbidas- máis ou menos fundadas- sobre o grao de independencia e galeguidade da oferta electoral mareante.

Velaí eses seis deputados acadados. Un moi bon resultado que triplica os agoiros e lle garanten ao BNG un Grupo Parlamentario, en igualdade relativa de armas a respecto do PSdeG e En Marea

Velaí eses seis deputados acadados. Un moi bon resultado que triplica os agoiros e lle garanten ao BNG un Grupo Parlamentario, en igualdade relativa de armas a respecto do PSdeG e En Marea. Un moi bon resultado que potenciará a solidez que conservaba o BNG en bon número de concellos pequenos e no eido sindical e lle permitirán competir con En Marea e PSdeG na fixación de cadansúas áreas de influencia social e electoral. Cun Grupo Parlamentario moi anovado e un discurso suave nas formas e rexo no fondo, o BNG será beneficiario, canda En Marea, da previsíbel implosión do PSdeG.

Fica pendente cál será a relación entre En Marea e o BNG. Se vai rexer entre elas a competición ou a colaboración. Arestora aínda gaña a tendencia competitiva, mais moita xente das dúas contornas sabe que isto ten de mudar. Porque, de non apostar ambas as dúas forzas por construír unha cultura do pacto e entendemento (no nível nacional e nos níveis locais), haberá Gobernos do PP por moito tempo.

Comentarios