Opinión

O lobby bancario e as cláusulas-solo

En maio do 2013 o Tribunal Supremo español declarou a nulidade das cláusulas-solo que adoitaban incorporar aos seus préstamos para vivenda Cajamar, BBVA e Caixa Galicia. Mais, contradicindo o disposto para o efecto no Código Civil, limitou os efectos da nulidade ao periodo posterior á sentenza, no canto de aplicala dende a data de outorgamento de cadanseu préstamo.

Unha segunda sentenza confirmou esta liña, consolidando unha xurisprudencia que vincula ao resto dos Tribunais españois. Varios deles, porén, dubidando que unha tal interpretación sexa compatíbel coa protección aos consumidores que recoñece o Dereito europeo, plantexaron cuestións prexudiciais ao Tribunal da UE. Os avogados da Comisión Europea apoiaron esta consideración. Mais o avogado xeral do Tribunal, emitiu un ditame-non vencellante- no que confirma que as teses do Tribunal Supremo non vulneran o Dereito europeo (malia que, entre liñas, o propio Avogado Xeral cuestione que o Tribunal Supremo aplicase a xeito o Dereito contractual español).

Outravolta, como xa ocorreu co Supremo, advírtese a cativeza da argumentación xurídica do Avogado Xeral europeo. E a falla de argumentos xurídicos e o emprego de argumentos macroeconómicos ou políticos (“salvarmos á Banca”) son claro sinal do éxito acadado polo lobby bancario español, suxeito a potenciais responsabilidades que algúns avalían até en 7.600 M€, a lle reembolsar a dous millóns de prestatarios españois. 

Como xa ocorreu co Supremo, advírtese a cativeza da argumentación xurídica do Avogado Xeral europeo

Reestruturar ou resgatar á Banca é unha decisión política discutíbel, que pode crear efectos legais no ámbito do Dereito Público: suba de impostos, novos recurtes, etc. Mais nunca pode actuar no ámbito dos contratos privados, incautando sen xusta compensación os cartos percebidos ilegalmente polos Bancos. Se unha cláusula-solo é nula, os efectos hanse computar dende o comezo de todo, dende que o Banco lle ingresou o préstamo ao consumidor.

O Tribunal da UE fixo até de agora un bon traballo protexendo ao consumidor do Estado español, nomeadamente no que atinxe ás execucións hipotecarias. Mais agora habería perder todo o seu ben gañado prestixio se confirma esta caste de argumentos de patacón.

Comentarios