Opinión

A liquidación das Deputacións

As Deputacións constitúen un elemento caduco na actual estrutura xurídico-territorial, que desconfía da autonomía local e da vitalidade da participación política veciñal para planificar os investimentos e as obras dende a capital provincial ao abeiro de criterios caciquís, suplantando a vontade expresada polos propios concellos.

As Deputacións constitúen un elemento caduco na actual estrutura xurídico-territorial, que desconfía da autonomía local e da vitalidade da participación política veciñal para planificar os investimentos e as obras dende a capital provincial ao abeiro de criterios caciquís, suplantando a vontade expresada polos propios concellos. Para máis, na nosa Galicia constitúe unha disfunciòn que duplica gasto e que limita a eficacia da acción de goberno da Xunta. Ademáis de se tratar de estruturas pouco democráticas (os deputados son elixidos de xeito indirecto), que só invisten menos dun 25% dos seus recursos, consomindo en gasto corrente entre o 50% e o 65% dos mesmos.

"Compre unha gobernanza dirixida primeiro á implantación da transparencia nestas institucións escuras. E, despois, a preparar o camiño para liquidarmos as Deputacións galegas"

Até de agora, en realidade, só foi indefectíbel o PP na defensa destas caducas institucións, que mesmo Rubalcaba e Pepe Blanco querían suprimir no 2011. Por razóns que agora semellan claras os populares sempre manifestaron que as Deputacións eran para eles parte fulcral do pacto constitucional. E esas razóns ficaron patentes na recente contrarreforma local  de Rajoy e Montoro, que potenciou moi substancialmente as competencias das Deputacións a respecto da prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Catro Deputacións fortes en Galicia limitan a autonomía local e unifican á baixa a calidade dos servizos municipais, servendo tamén de canles para a privatización dos servizos a prol de grandes grupos madrileños ou multinacionais. E sempre serán instrumentos para mancar ou limitar o autogoberno galego, creando liñas directas das capitais provinciais co Goberno de Madrid sen pasar pola Xunta.

As eleccións locais tiráronlle ao PP o goberno de todas as Deputacións galegas, agás Ourense. Mais non tería sentido que as novas coalicións de centro-esquerda xestionaran coma os gobernos provinciais do PP. Compre unha gobernanza dirixida primeiro á implantación da transparencia nestas institucións escuras. E, despois, a preparar o camiño para liquidarmos as Deputacións galegas, transferindo os seus medios materiais e humanos á Xunta e aos concellos. Dacordo co criterio case unánime de cidadáns e expertos e no marco da reforma constitucional máis ampla ou limitada que xurdirá das eleccións xerais deste outono.  

Comentarios