Opinión

A irrelevancia sobrevida do PPdeG

Aos que acreditamos no autogoberno de Galicia que haxa máis ou menos ministros galegos nos deixa bastante indiferentes. Nunca a presenza de presidentes do Goberno e ministros galegos resolveu os problemas de fondo dos galegos. Os únicos avances substanciais dende 1936 foron os derivados da recuperación da autonomía.

Mais dende a segunda metade do século XIX non faltan amplos sectores sociais galegos que acreditan nun xogo de curto alcance, que é o de gañar suposta presenza na Corte en troques de perder identidade e capacidade de autogoberno. E, nese xogo, ter ministros galegos é importante porque mide a relevancia do PPdeG no conxunto do PP estatal.

Feijóo vén de gañar cunha inusual maioría absoluta. O seu trunfo e o correlativo devalo do PSOE foi decisivo para abortar a posibilidade dun Goberno alternativo a Rajoy. Semella, pois, que esta vitoria electoral habería outorgarlle ao PPdeG un rol fulcral no contexto do PP. E vimos que non foi así nesta remuda do Goberno do Estado. Que ocorreu? 

O trunfo de Feijóo empoderou substancialmente Rajoy, que con 137 sobre 350 deputados interpreta, porén, que pode seguer a traballar coas feituras da maioría absoluta

No curto prazo, o trunfo de Feijóo empoderou substancialmente Rajoy, que con 137 sobre 350 deputados interpreta, porén, que pode seguer a traballar coas feituras da maioría absoluta, diante da debilidade do PSOE e de C’s cara un novo proceso electoral estatal, posíbel xa dende o vindeiro verán. E este empoderamento afasta de vez toda perspectiva de que Feijóo poida xogar un papel central no PP estatal, nomeadamente porque afasta toda previsión sucesoria.

Mais o que subxace, alén da devandita conxuntura, é a doma e pacificaciòn do PPdeG e máis a neutralización de Galicia como suxeito político relevante. Tres maiorías absolutas de Feijóo e a debilidade relativa da oposición galeguista e progresista xeraron un escenario que mesmo prexudica obxectivamente, ao condenalos á irrelevancia, aos sectores sociais e políticos que apoian Feijóo e o PPdeG. Velaí o arrumbamento dos obxectivos tradicionais destes sectores por parte do Goberno do Estado, como o remate do AVE.

A política dependendista e provincial sempre nos fai máis febles e máis pobres. 

Comentarios