Opinión

Intelixencia e sentido de País

Malia que non sexan comparábeis os procesos electorais estatais do 26 de xuño e do 20-D coas autonómicas do vindeiro outono, os  68.000 votos perdidos por En Marea e os máis de 20.000 que perdeu o BNG constitúen o pao de palleiro para soerguer a alternativa plural ao PP para gobernar a Xunta. Ou, dito doutro xeito, sen recuperar estes case 90.000 votos é díficil que Núñez Feijóo non acade maioría abonda para gobernar.

En Marea sofriu un desgaste non usual nun ciclo tan curto. Parte do voto galeguista retraeuse diante do claro predominio do vector español durante a campaña, reforzando o efecto dos fracasos en formar grupo parlamentario e amosar a utilidade para Galicia da súa representación en Madrid. Tamén pagaron a falla de participación das distintas Marés municipalistas e máis a ausencia de primarias, ao evidenciarse que moita xente non só quere o cambio, senón participar na súa construción. Para máis, a mera comparanza dos resultados de Compostela e A Coruña cos de Vigo (onde En Marea mantén un 30.3%), sinala que o desgaste pola percepción cidadá da xestión dos gobernos locais (non necesariamente polos resultados obxectivos da xestión) multiplica estes efectos aló onde forzas municipalistas que apoian En Marea gobernan.

Parte do voto galeguista de En Marea retraeuse diante do claro predominio do vector español durante a campaña

Pola súa banda, o BNG sofriu o síndrome do voto inútil, malia a incapacidade de En Marea para captar estes 20.000 votos, que van todos á abstención, canda os perdidos polos mareantes. E nin uns nin outros amosaron autocrítica en doses abondas, aínda que, polo menos, non ofreceran o tristeiro espectáculo de Podemos, que encaixou o seu relativo fracaso apelando a paveras teorías da conspiración que falan de pucherazo, insultando á intelixencia dos votantes do PP ou ameazando con purgas aos disidentes.

Así é todo, hai tempo para reaxir cara ás autonómica, se se aplica a intelixencia e o sentido de País. Intelixencia para integrar con xenerosidade o mellor coñecemento e os galeguismos e municipalismos todos, canda o progresismo estatal se asume a plena independencia do suxeito político galego e da súa axenda. E sentido de País para ofrecer unha alternativa plural e un programa de goberno de mínimo comùn denominador, comprensíbel, transformador e realista.
   

Comentarios