Opinión

Intelixencia inclusiva para o galego

Fiquei pampo coa  afirmacion do grande historiador galego Anselmo López Carreira de lle botar a culpa ao reintegracionismo de moitos dos males que aqueixan hoxe a nosa lingua. Non podía dar creto como unha das persoas que máis fixo para que coñecésemos a realidade do Reino medieval de Galicia fronte as ladaíñas e invencións da historiografía oficialista española podía defender ideas desta caste. 

Claro é que tan inxusto sería botar as mesmas culpas contra os partidarios da normativa RAG-ILGA. Os males presentes do galego xorden de moito tempo atrás, dunha perda absoluta de poder político dende primeiros do século XVI (fronte aos casos de Euskadi -que o perdeu a primeiros do XIX- e Catalunya -que o perdeu a primeiros do XVIII) e da falla de consolidación dunha burguesía conectada cunha idea de País.  Despois, é evidente, está o fracaso absoluto ou relativo de moitas das políticas desenvolvidas dende o comezo da autonomía, malia que teña para min que a principal razón deste fracaso fose moito máis a falla de medios materiais, organización e intensidade no desenvolmento destas políticas ca no deseño das mesmas.

Dito isto, cómpre recoñecer que a falla de concordia normativa trasladoulle a varias xeracións de estudantes dúbidas que non axudaron nada para que asumisen o galego como lingua de instalación. Dúbidas cando non os danos colaterais de que galegofalantes de berce sofrisen sucesivas correccións de profesores reintegracionistas e, despois, isolacionistas. Moitas veces algúns docentes dunha e outra normativa amosaron máis preocupación pola súa materia ca pola instalación dos alumnos na nosa lingua.

Cómprenos concordia entre normativo e reintegrado, recoñecendo a dualidade normativa na escrita e quizais na aprendizaxe

 

Velaí que, cando a ruptura da cadea de transmisión lingüística é xa un feito medíbel, cumpra intelixencia e inclusión no desenvolvemento das políticas de promoción do galego e nas técnicas de aprendizaxe da mesma. Porque cómprenos concordia entre normativo e reintegrado, recoñecendo a dualidade normativa na escrita e quizais na aprendizaxe. Agarimando e comprendendo cadansúas especificades dos galegofalantes de berce e dos neofalantes.

Sumar, incluir, para gañar. O adversario non é nin o “nh” nin o “ñ”. Serao, en todo caso, a agresiva intolerancia de Galicia Bilingüe.  

Comentarios