Opinión

A indignidade de Juan Carlos de Borbón

A Fiscalía adscrita ao Tribunal Supremo estatal vén de arquivar as pescudas, abertas a respecto de indicios que incriminaban ao Borbón, en relación coa recepción, disposición e administración de determinados fondos. Considera a Fiscalía que non ha formuilar querela criminal por considerar que os feitos investigados non constitúen delicto. Nalgunha ocasión por non existir máis ca indicios non conexos ou por existir indicios de infracción tributaria administrativa e non de delictos fiscais. Noutras constátanse feitos constitutivos de delicto, mais decláranse prescritos. E noutras considérase que os feitos non poden ser obxecto de persecución penal por ter desfriutado de inviolabilidade o Emérito até o 18 de xuño de 2014, data na que cesou pola súa demisión, na Xefatura do Estado.

A suposta doazón de case 65 M€ do rei da Arabia Saudí e máis o pagamento en de máis de 1,4 M € do sultán de Bahrein. Juan Carlos de Borbón liquida no 2012 os activos todos de Lucum transferíndollos á Sayn-Wittgenstein a unha conta das illas Bahamas

A investigación coida probado que o 08.08.2008 (data con evidentes evocacións esotéricas) a Fundación panameña Lucum (creada días antes tendo como beneficiario dos seus fondos ao Emérito e, faltando él aos seus fillos, incluído o actual Xefe do Estado) abriu unha conta bancaria na banca Mirabeaud e que nesa mesma data o rei  saudí Abdala bin Abduladiz transfería á devandita 100 M USD (algo menos de 64,9 M€) en concepto de doazón (agasallo, na suposta tradición das Monarquías árabes, segundo foi reflectido nunha memoria xustificativa da operaicón, simultánea á mesma). Tamén ficou probado que o Emérito ingresou en efectivo na mesma conta no 2010 algo máis de 1,4 M€, que lle foran  achegados polo sultán de Bahrein, cantidade  que levou no peto polos aeroportos ao abeiro do seu pasaporte diplomático. E tamén a  transferencia dos activos todos da Fundación Lucum (saldos bancarios en €, francos suizos, USD e valores mobiliarios) a unha conta bancaria nas illas Bahamas como “doazón irrevogábel a prol de Corina zu Sayn-Wittgenstein”.

A Fiscalía considera que non existen indicios para considerar que a suposta doazón do rei árabe estea vencellada a supostas comisións pola construción da alta velocidade ferroviaria entre Makkah e Medinah, malia coincidir no tempo coa apertura da fase II do proxecto e as manifestacións da amiga alemá do Borbón, que declarou terlle ouvido que a él pertencíanlle por comisións dese negocio “50 M€”. Xa que logo non coida que este feito integre  un delicto de corrupción nos negocios, mais si un delicto de suborno pasivo impropio, que pena aos funcionarios públicos que acepten agasallos de terceiro por mor de desenvolver o cargo que desenvolven. O agasallo de máis de 1,4 M€ do sultán de Bahrein tamén integraría este tipo delictivo, seguindo á Fiscalía. E, en último de contas, a transferencia de todos os activos da Fundación Lucum (65 M€) ao dispor da Sayn-Wittegenstein constituiría un delicto de branqueamento de capitais, ao “legalizar” fondos de nidia orixe delictiva.

A inviolabilidade do Xefe do Estado como garantía da súa impunidade

Malia existir indicios racionais e sostíbeis de dous graves delictos de suborno pasivo impropio e doutro de b ranqueamento de capitais, a Fiscalía  mesmo constata que o delicto de branqueamento dos capitais achegados polos monarcas árabes, desenvolvido no 2012 resolvía o problema da prescrición dos dous supostos agasallos, por se tratar dunha eventual continuidade delictiva. Tiñamos, entón, a Juan Carlos de Borbón fronte á eventual imputabilidade de tres graves delictos, mais aquí batemos coa inviolabilidade do Xefe do Estado, recoñecida no artigo 156.3 da Constitución do Estado español.

Na doutrina xurídico-constitucional (e diso podemos dar fe todas as persoas que estudamos Dereito) considerouse case sempre a inviolabilidade como a imposibilidade de acusar ao Xefe de Estado de delictos desenvolvidos no exercicio do seu cargo, pois que todas as súas decisións han ser sometidas ao refrendo, quer da Presidencia do Goberno do Estado ou dalgun/nha titular ministerial, quer das Presidencias do Congreso e dos Parlamentos territoriais para elixir aos Presidentes dos Gobernos do Estado e autonómicos.

Mais a Fiscalía neste caso segue a doutrina do Tribunal Constitucional,  que decidiu en dúas sentenzas de 2019 ( cando xa caducaran ou estaban para caducar os mandatos de catro dos seus membros) extender o perímetro da inviolabilidade a todos os actos de natureza pública ou privada de El Rei mentres desenvolvese o seu cargo. Ou sexa, decidir que Juan Carlos de Borbón está exento de toda responsabilidade por calquera acto anterior ao 19.06.2014.

A vixente Contitución pois, valida todo comportamento delictivo do anterior Xefe do Estado e  legaliza o seu ilexítimo arrequecemento. Mesmo se tivese matado alguén non habería pagar por ilo. É moi difícil, dende logo, encaixar esta construción xurídica na arquitectura dun Estado democrático de Dereito.

O fondo da illa de Jersey

A Fiscalía desbota que a constitución no 2004 (e máis a súa administración e disposición posteriores) dun trust (fondo fiducario) na contía de 10,2 M€ por Romero Maura, amigo de Juan Carlos de Borbón poida ser delictivo, por considerar que o Xefe do Estado só sería beneficiario no suposto eventual  do seu derrocamento. Malia esta aparente realidade e recoñecendo o xogo da prescrición, as pescudas xudiciais determinan a case total probabilidade de que os fondos de orixe para a dotación deste trust viñan doutros dous fondos, creados no 1995 e 1997, dos que Juan Carlos de Borbón era beneficiario.

Agasallos da Fundación Zagatka e doutras persoas

Inviolábel até xuño de 2014, é incríbel que Juan Carlos de Borbón aceptase posteriormente transferencias e agasallos en viaxes, gastos sanitarios, etc sen liquidar ascorrespondenets cotas tributarias no Imposto de Doazóns. De non ser que se dean nel, ao tempo, a conciencia de delongar a súa impunidade e a convicción de que o diñeiro que lle enviaban era, en realidade, diñeiro da súa propiedade que outros administraban e que só voltaba a quen pertencía.

Allen Sanginés transferiu a prol do Emérito 1.019.000 € dende xuño de 2014 á fin de 2018. Juan Carlos de Borbón pagou en declaracións complementarias do Imposto de Doazóns algo máis de 559.000 € en decembro de 2020. Pola súa banda, o Borbón recibiu da Fundación Zagatka, administrada polo seu curmán Alvaro de Orleáns máis de 10 M€ en viaxes, gastos sanitarios, etc.. O Emérito pagou en cadansúas declaracións complementarias do mesmo imposto e dos mesmos exercicios (2014 ao 2018) algo máis de 4,5 M€ a primeiros de febreiro de 2021.

Cando regularizou o Emérito estas débedas tributarias xa existía a investigación a respecto das contas da Fundación Lucum en Genêve e xa estaba notificada ao seu avogado (verán de 2020).  Xa que logo, considerar que non existiu delicto fiscal (que esixe só 120.000 € por ano e imposto, pensemos que o Emérito regularizou case 5,1 M€ distribuídos en cinco exercicios) por ter regularizado antes do coñecemento polo suxeito pasivo das dilixencias de investigación constitúe un criterio certamente hipergarantista que deita dúas interrogantes: i) porque non se aplica cos demáis contribuíntes? e ii) porqué non se abriron polas Axencias Tributarias competentes   procedementos de inspección ou actuacións de comprobación que interrompesen prescricións e evitasen o efecto das eventuais regularizacións?  

Unha persoa indigna, unha Institución degradada, un Estado parcial e disfuncional

It´s good to be the king, dicía  Louis XIV na longametraxe de Mel Brooks “History of the world”. O aparello do Estado funcionou ben para impedir a xustificada persecución penal do anterior xefe do Estado, tanto no que atinxe á Fiscalía (“la fiscalía te la afina”, conspirou o ex ministro Jorge Fernández Díaz contra as lexítimas institucións catalás) como ás Axencias Tributarias. Paira no ambiente que a Institución monárquica está fóra do control democrático e que a Lei non se aplica igual para todos. Que llelo digan senón aos presos políticos e exiliados cataláns , ao president Torra ou ao Pau Juvillà.

Pola súa banda a Institución monárquica, que constitúe o núcleo do propio Deep State confirmou a súa escolla pola opacidade, pola falla de respecto pola intelixencia da xente e pola parcialidade, mentres ningún partido do réxime propón  regras claras que impidan outravolta a impunidade dun Xefe de Estado  

O que si ficou ben clariño é a indignidade de Juan Carlos de Borbón como Xefe do Estado, o que habería ser o primeiro funcionario público, o primeiro servidor da cidadanía. E seica só temos albiscado a parte emerxida do iceberg.

Comentarios