Opinión

Independence day

O Reino Unido (UK) consumou coa fin de xaneiro o seu divorcio coa Unión Europea (UE). Manifesta Craig Patterson que “…acadarmos un único mercado e ampliar a UE foron procesos liderados polo UK…todo o mundo foi beneficiario da UE no UK, agás racistas, xenófobos, evasores fiscais billonarios, propietarios dos media e algúns deputados do Parlamento de Westminster”. Xusto os que financiaron e desenvolveron longos anos , segundo o anglogalegoirlandés, o espallamento das fake news que remataron na paifoca representación deste venres noite.

Até a fin deste 2020 continuarán as cousas do mesmo xeito. Mais, que condicións rexerán as relacións entre a UE e o UK dende o comezo de 2021? Galicia non acolle residentes británicos en cantidade como para negociar e mantemos unha moi importante emigración no UK, superior ás 15.000 persoas. Para máis, o UK representa máis do 7% do noso comercio exterior. O brexit xerará efectos máis prexudiciais para este país en comparanza co resto do Estado español e da UE. Velaí a eterna necesidade dunha potente política exterior galega, que Núñez Feijóo nunca exerceu ao longo de todo o seu mandato.

Volvendo ao UK, ten razón Patterson cando advirte do grave risco de decadencia do Reino Unido. Escocia xa está fóra da UE contra a decisión, no referéndum de 2016, do 62% dos escoceses. Velaí que as máis recentes enquisas lle dean ao yes á independencia caledonia o 51%, o meirande nível nunca acadado.

No 2014 Escocia rexeitou a independencia (55% vs 45%) nomeadamente pola ameaza de expulsión da independente Escocia da UE (non lles soa esta música?). É evidente que agora se produciu unha mutación da constitución do Reino Unido que Escocia ten dereito a ratificar ou rectificar, marchando do UK. O Dereito Estatutario escocés ( Scotland Acts de 1998, 2012 e 2016) e o carácter consensual da unión escocesa con Inglaterra e Gales en 1707 determina o dereito a decidir da cidadanía escocesa.

A forte conexión entre as economías escocesa e inglesa non prexudicaría a decisión da independencia. A economía do petróleo e do whisky determina que fosen os ingleses os prexudicados dunha fronteira ríxida no río Tweed. Canto á dependencia financeira da City londinense axiña podería transformarse, logo de entrar Escocia na UE, en competencia coa mesma, canda Frankfurt, Dublin ou Amsterdam.

Pola súa banda, a Irlanda do Norte rexeitou o brexit no 2014 cun 55% de votos e deulle a maioría de votos e escanos en decembro de 2019, por primeira vez, aos republicanos irlandeses e ás forzas transversais que tentan acoller católicos e protestantes. Os Acordos do Venres Santo (1998) determinan o dereito a decidir dos norirlandeses: ou remanecer no UK ou ingresar á República de Irlanda. Non é moi arriscado prognosticar unha maioría norirlandesa contra unha fronteira ríxida coa República irlandesa, que sería letal para a economía do Ulster.

Mentres, os soberanistas galeses do Plaid Cymru mantiveron o 11-12% de voto nas eleccións ao Parlamento de Westminster do ´ultimo decembro. Mais a opción soberanista é xa segunda opción para moitos laboristas, mentres falar da soberanía galesa decote deixou xa de ser tabú no país do rugby.

Comentarios