Opinión

Sen goberno nin presidente

As políticas de austeridade desenvolvidas polo Goberno Feijóo dende 2009


As políticas de austeridade desenvolvidas polo Goberno Feijóo dende 2009 son corresponsábeis da grave desindustrialización de Galicia, que perdeu dende aquela todo o emprego industrial xerado dende fins dos 90.

Precisamente o Foro Económico de Galicia atribúelle a grave diferenza entre o crecemento económico galego e o estatal (0,9% fronte ao 2,7% no primeiro trimestre deste 2015) á nosa febleza industrial. 204.000 galeg@s emigraron dende o 2009, nomeadamente os membros das xeracións mellor formadas da súa historia. No 2009 existían cinco entidades bancarias galegas (Caixa Galicia, Caixanova e os Bancos Gallego, Etcheverría e Pastor). Hoxe só fica a rede de Abanca vinculada ao País, malia que propiedade de capital venezuelano. A política económica de Feijóo foi un fracaso, non só pola falla de plan, ideas e confianza no país e nos seus axentes económicos,  senón tamén pola grave ineficacia amosada polo seu Goberno. 

"Feijóo e a conselleira Quintana non están para defender o sector lácteo, fulcral para a economía deste país e totalmente prescindíbel para a estatal, como se dixesen 'isto non vai connosco'"

Mais, nesta fin do verán, a esta ineficacia e falla de ideas uníuse a ausencia do Goberno e do seu Presidente. Pechou unha explotación leiteira diaria dende que se liberalizou a venda de leite na Europa, Galicia é o país europeo onde máis barato se vende o leite e Feijóo e a conselleira Quintana non están para defender un sector fulcral para a economía deste país e totalmente prescindíbel para a estatal, como se dixesen “isto non vai connosco”. Na crise do lume da Limia, que queimou 3000 ha., a Xunta estivo ausente, como se fose impotente diante dos lumes e só soubese falar do perigo dos numerosos, mais descoordinados , incendiarios.  A demisión da Xunta das súas obrigas gobernamentais é tan evidente que ninguén do SERGAS inspeccionou o estado dos servizos e instalacións  do novo  Hospital de Vigo, contractualmente responsabilidade das empresas  adxudicatarias dun contrato pensado nos seus intereses e nos de Povisa.

Percébese, con ducias de milleiros na rúa,  que non existe motivación nin folla de ruta no Goberno galego e no seu Presidente. Semella, pois, que a lexislatura remata e só fica ollar cara Madrid. De onde non virán, de certo, as solucións.

Comentarios