Opinión

Garantirmos unha xustiza independente

Dende a transición o xogo do bipartidismo dinástico PP-PSOE  condiciona o goberno do Poder Xudicial dende o seu Consello, eleito baixo control da maioría lexislativa

Dende a transición o xogo do bipartidismo dinástico PP-PSOE  condiciona o goberno do Poder Xudicial dende o seu Consello, eleito baixo control da maioría lexislativa. Dende ese Consello, os grandes partidos controlan os nomeamentos para os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e mesmo algúns nomeamentos chave dos Tribunais Superiores e da Audiencia Nacional. É moi difícil que un maxistrado poida chegar ao cumio da carreira xudicial se a súa candidatura non se lle fai agradábel ao PP ou ao PSOE.  As vocacións para controlar dende unha xustiza independente os excesos dos Poderes Públicos case nunca son propostas para os postos máis altos

"semella que a garantía da independencia do Poder Xudicial ha de se incorporar á fonda reforma constitucional que cumpriría enfrontar a vindeira lexislatura"

Nos Xulgados e Audiencias predominan os xuices e xuizas independentes e afeitos a traballar con poucos medios. Porque a Administración de Xustiza sempre se viu restrinxida dende os gobernos estatais dunha e doutra ponla. Velaí a  recente reforma da lei procesual penal limitando o tempo das pescudas xudiciais complexas, como son os casos de corrupción. E, no caso de Galicia, esta restrición tamén se vive dende a Consellaría de Xustiza, coa súa política de restrición da cobertura de vacantes de funcionarios. Ou co seu control remoto de determinadas probas periciais do sumario do sinistro do tren Alvia.

Xa que logo, semella que a garantía da independencia do Poder Xudicial ha de se incorporar á fonda reforma constitucional que cumpriría enfrontar a vindeira lexislatura. Boa ocasión, pois, para garantir un Tribunal Constitucional alleo ás maiorías estatais, a provisión independente de todas as vacantes xudiciais, a supresión da xurisdición especial da chamada “Audiencia Nacional” e  máis a descentralización efectiva da xustiza, de xeito que o Tribunal Superior de Galicia sexa a instancia ordinaria que resolva todos os asuntos. E un Consello Xudicial galego, con participación relevante de avogados e outros profesionais da xustiza, constitúa o órgano de goberno xudicial no noso País.

Porque moitas das actuais disfuncións que limitan a independencia xudicial  xurden do actual modelo centralizado, incompatíbel coa plurinacionalidade do Estado. 
 

Comentarios