Opinión

Garantirmos o dereito á morte digna

 Chus Vázquez Conde é un profesional galego do asesoramento de empresas que compatibilizou unha intensa actividade profesional e corporativa co activismo social e co compromiso político. Dende hai dous anos foi diagnosticado de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), cun prognóstico de sobrevivencia menor a cinco anos. Chus reclama unha inmediata reforma lexislativa que despenalice a eutanasia e garanta a posibilidade, para él e para todas as persoas afectadas, de decidir libremente, canda a súa familia e amigos, se quere ou non pór fin á súa vida.

 A ONG Dereito a Morrer Dignamente en Galicia e o partido En Marea desenvolveron ao longo dos últimos meses importantes iniciativas para garantirmos o dereito á morte digna. O voceiro mareante, Luis Villares propuxo este verán constitucionalizar como dereito fundamental o dereito á morte digna, conectándoo co dereito fundamental á vida do artigo 14 da Constitución, que habería ser entendido como dereito a vivirmos dignamente. Pois que a morte non é senón a derradeira fase da vida.

O 87% da cidadanía do Estado está pola despenalización da eutanasia. Cómpre, pois, aproveitar a actual conxuntura de maioría parlamentaria progresista para aprobar unha lei orgánica que delimite o artigo 14 da Constitución nos termos expostos por Villares, despenalizando ao tempo  as condutas de auxilio ao suicidio penadas no artigo 143.4 do Código Penal que se refiran ás válidas decisións persoais que acorden pór fin á súa vida cando padezan  graves doenzas que producen das súas resultas, quer a morte, quer padecementos permanentes malos de aturar.

 Mais a propia doutrina dos dereitos humanos ten de definir os límites da decisión persoal liberadora que lexitime esta política pública. De ningún xeito o sistema público de saúde e servizos sociais, alicerzándose en razóns de aforro económico, pode inducir ás  persoas que sofran graves doenzas non curábeis ou graves e permanentes discapacidades para que escollan pór cabo da súa vida. Poida inducir a  estes colectivos de persoas vulnerábeis  para que elixan, sen liberdade real, pór remate da súa vida por mor da falla de dotación de recursos públicos para atender as súas necesidades. Mesmo, nalgúns casos, para  evitaren  que sexan as súas familias as que carguen coa pasividade culpábel do sector público".

Comentarios