Opinión

Gandeiros, cerqueiros e bateeiros

Determinadas actividades económicas que para o Estado no seu conxunto son secundarias, son para nós estratéxicas.

Determinadas actividades económicas que para o Estado no seu conxunto son secundarias, son para nós estratéxicas. Velaí a necesidade para Galicia, quer dunha grande influencia nas decisións estatais (que por poboación e PIB non podemos ter) quer dun moi amplo autogoberno que nos permita adoptar as decisións que nos interesen, sen que nos mediaticen outros co seu aceite, o seu turismo de sol e praia ou as súas laranxas.

Estes días gandeiros, cerqueiros e bateeiros estean na rúa, enfrontados co Goberno galego pola súa falla de sensibilidade e interese na xestión de cadanseu sector.

O sector lácteo denuncia o absoluto fracaso do pacto asinado en setembro. E acerta cando pon o foco nos Gobernos. Permitir vender leite por baixo do custo é unha práctica ilegal que habería ser erradicada polas autoridades de Competencia da Xunta. E os Gobernos galego e estatal haberían, tamén, controlar axiña aos especuladores que controlan o 20% da produción galega e baixan o prezo na orixe, esixíndolles unha organización empresarial e técnica que demostre que son primeiros compradores reais e non especuladores. O Goberno galego non acredita no sector e amosa un desleixo e desinterese totais.

En calquera País o Goberno estaría a fronte das reivindicacións destes sectores e traballando en solucións , tanto conxunturais como de futuro

O sector cerqueiro enfronta o seu terceiro mes de mobilizacións polo arbitrario reparto da cota de capturas, que non ten en conta a capacidade produtiva (número de tripulantes) dos barcos, senón as súas capturas históricas, o que determina para á área Fisterra-golfo de Cádiz un absoluto predominio da frota andaluza. As baixísimas cotas ameazan levar por diante 12.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

Pola súa banda, os bateeiros de mexillón comezan mobilizarse perante o proxecto de lei de Acuicultura aprobado pola Xunta, que vai beneficiar á acuicultura industrial fronte á miticultura bateeira, baseada en milleiros de pemes que fixeron do mexillón galego o primeiro do mundo.

En calquera País o Goberno estaría a fronte das reivindicacións destes sectores e traballando en solucións , tanto conxunturais como de futuro. Por qué na Galicia non? É consciente Feijóo do dano que estes conflitos lle están a xerar á economía galega?

Comentarios