Opinión

Gaña Euskadi. E Galicia?

O PNV tiña os deputados decisivos para derrotar as emendas á totalidade aos Orzamentos estatais. E sabía que esta avantaxe non era permanente. Despois das vindeiras eleccións podía desaparecer e mesmo o eventual trunfo de Susana Díaz nas primarias do 21 de xuño  podía relativizala substancialmente. 

Abofé que a contraprestación obtida foi moi boa para Euskadi. O Estado reclamáballe 1.600 M€ pola liquidación do cupo (Euskadi recada directamente os impostos e págalle un cupo ao Estado polos servizos non transferidos que éste presta) dos cinco últimos anos. Agora só serán 200 M€. Por outra banda, Euskadi obtivo unha redución do cupo de 540 M€/ano entre os anos 2017 ao 2021. Velaí ese grande número: 4.100 M€, case 2000 € por cada residente en Euskadi. Decátanse vostedes da mellora que isto suporá na sanidade, na educación ou na competitividade empresarial de Euskadi?

O pacto foi alcumado de “insolidario” por algunhas voces en Catalunya e Galicia. Mais cómpre lembrar que o PNV si votou contra a investidura de Rajoy, sen que este voto servise para construir unha alternativa a Rajoy por mor da abstención do PSOE. Por outra banda, os cidadáns que votaron PNV fixérono para que defendese en Madrid os intereses vascos. Non para que mercase o relato independentista de moitos cataláns ou o relato dependentista de moitos galegos. 

Cómpre lembrar que o PNV si votou contra a investidura de Rajoy, sen que este voto servise para construir unha alternativa a Rajoy por mor da abstención do PSOE

Con este acordo, Euskadi racha o cerco unionista ao autogoberno, blinda a axenda vasca e escenifica unha relación bilateral co Estado. Co “status” acadado non precisan a independencia pasado mañá.

Mentres, Galicia malbarata a súa aposta polo PP de Feijóo (12 deputados estatais sobre 23, única maioría absoluta do Estado nun Parlamento) cun 33% menos de investimento estatal entre 2016 e 2017. E este apoio popular e proximidade co “Goberno amigo” non lle permite nin acadar en beneficio da cidadanía a transferencia da Autoestrada do Atlántico. Mal negocio o do dependentismo.

Estes feitos amosaron tamén que o un hipotético sistema no que Galicia recade os tributos e pague un cupo ao estado non é esa catástrofe da que fala o unionismo, senón unha ferramenta potencial para máis autogoberno e benestar, dependendo das súas bases normativas e de liquidación do cupo.

Comentarios