Opinión

Galicia tamén falará portugués

Os Presidentes galego e portugués veñen de presidir na RAG a sinatura dun convenio que posibilitará o ensino do portugués no sistema educativo non universitario galego. 

Os Presidentes galego e portugués veñen de presidir na RAG a sinatura dun convenio que posibilitará o ensino do portugués no sistema educativo non universitario galego. Da froito, deste xeito, o único acordo substancial aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia nesta lexislatura, a iniciativa lexislativa popular “Paz Andrade”, nada do pulo cidadán dos 17.000 galegos que a promoveron. Velaí o valor dos amplos consensos cando non respostan aos intereses dos grupos políticos, senón a iniciativas cívicas que atenden cuestións sociais relevantes.

"Que pequeno país europeo ten esa potencialidade? Que terían feito vascos e cataláns con esta potentísima ferramenta de seren eles nós?"

Porque foi propia de cegos a acción (a inacción, máis ben) desenvolvida até de agora polos Gobernos, institucións e sociedade galega cara ao mundo da lusofonía, que integra 230 millóns de falantes do portugués en América (Brasil supón máis da metade da América Latina), Europa (Portugal), África (Angola, Mozambique, Guiné-Bissau, Sâo Tomé e Cabo Verde) e Asia (Timor Leste). Que pequeno país europeo ten esa potencialidade? Que terían feito vascos e cataláns con esta potentísima ferramenta de seren eles nós?

Galicia ten de se integrar na lusofonía, principiando polos seus circuitos oficiosos, culturais e empresariais e rematando pola integración oficial, tan lonxe como sexa xurídicamente posíbel en cada intre. As oportunidades de exportación, investimento, internacionalización empresarial e colaboración económica son moi importantes e constitúen un camiño seguro de éxito. O camiño da lusofonía constitúe un  eixo da acción exterior galega onde non imos atopar nin a comprensión nin moito menos a colaboración en Madrid. Este camiño teremos que decidilo e transitalo nós propios.

"Academos un coñecemento xeral do portugués. E avaliemos, cando  cumpra, pero sen atraso, as avantaxes e inconvenientes dun acordo ortográfico común cos demáis países da lusofonía".

Na orde práctica, compre desexar que nos centros se coordine o ensino do galego co do portugués, de xeito que os alunos acaden sinerxías que lle fagan máis doada recíproca aprendizaxe de ambas as ponlas do común tronco lingüístico. Tamén que a aprendizaxe do portugués se ofreza de xeito xeral e asequíbel na formación de adultos.

E o da normativa? Pois polo de agora non entremos en leas. Camiñemos. Academos un coñecemento xeral do portugués. E avaliemos, cando  cumpra, pero sen atraso, as avantaxes e inconvenientes dun acordo ortográfico común cos demáis países da lusofonía.

Comentarios