Opinión

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: i) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE; ii) a ineficacia burocrática na xestión e iii) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.

A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9, e mesmo non foi quén de evitar a suba das peaxes. Renunciou á  conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40% de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do Laboratorio de moluscos da UE en maio último.

A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9, e mesmo non foi quén de evitar a suba das peaxes

 

A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria, non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O IGAPE non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon a nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.

Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.