Opinión

Galicia nas competicións deportivas internacionais

O PNV, PSE e EH-BILDU veñen de acadar un acordo para  fomentar a participación internacional das seleccións de Euskadi nas competicións oficiais na nova Lei vasca do Deporte, logo de que a UEFA e a FIFA  rexeitaran hai meses o ingreso da Federación futbolística vasca. Porque para que as seleccións vasca ou galega partillen nunha Eurocopa ou nun Mundial non se precisa que as súas Federacións ingresen na UEFA ou na FIFA, senón só que a Federación española de fútbol admita a participación internacional das devanditas seleccións. Esta norma rexe en case todas as modalidades deportivas e explica, por exemplo, que Galicia poida participar internacionalmente en fútbol gaélico, deporte onde non existe Federación estatal.

Velaí que as reformas normativas precisas para que as Federacións deportivas estatais permitan a participación internacional das seleccións deportivas galegas son dúas: i) a da Lei galega de Deporte para prever e regular a participación internacional en competicións oficiais das seleccións deportivas galegas (como vai facer a nova lei vasca) e ii) a da Lei estatal do Deporte para regular a obrigada autorización  das federacións deportivas estatais para a participación nesta caste de competicións das seleccións deportivas autonómicas se así está recoñecido en cadansúa lei territorial.

Escocia, Gales, Irlanda do Norte ou as illas Feröe, sen ser independentes, partillan nas competicións internacionais oficiais e esa participación xera importantes beneficios no que atinxe á imaxe exterior e á promoción cultural, turística e empresarial de cadanseus países.

Foi o goberno de coalición BNG-PSdeG entre 2005 e 2009, a medio dos seus vicepresidente Anxo Quintana, conselleira Anxela Bugallo e directores xerais de Deporte Santi Domínguez e Marta Souto (BNG) o que preparou o terreo para avanzar no recoñecemento deportivo internacional de Galicia, coa implementación da nosa selección irmandiña de fútbol, que xogou partidos contra Uruguai (2006), Camerún (2007) e Irán (2008), a Declaración de San Mamés (28.12.2007) no que os gobernos galego, vasco e catalán reivindicaron a participación internacional oficial de cadansúas seleccións ou as competicións Galeuscat con convites a un terceiro Estado que desenvolveron as Federacións de basket e balonmán entre 2006 e 2010.

Esta política de promoción deportiva internacional foi liquidada por Núñez Feijóo e o seu secretario xeral Lete Lasa despois de 2009. Mais o noso País é, hoxendía, abondo autoconsciente para esixir que se lle deixe regular a súa presenza deportiva internacional, con nidias fins de promoción exterior, máis tamén deportiva, cultural e económica. E este dereito a participarmos internacionalmente ha chegar, máis tarde ou máis cedo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios