Opinión

Galicia, esquerdas e dereitas

A realidade é teimuda e nos aprende seguido que os problemas da cidadanía galega e, máis aqueladamente, os problemas das maiorías sociais na Galicia atopan só algunhas-poucas-solucións cando as percuramos no eixo esquerdas-dereitas. Os principais problemas estruturais son nacionais, son de País e teñen pouco a ver co confrontamento entre diversas clases sociais.

Ollemos cara ao problema da pobreza enerxética. Foi a sensibilidade dos colectivos sociais xurdidos despois do 15-M a que o puxo na axenda. Mais, na Galicia, á inxustiza individual de sofrir pobreza enerxética se lle engade a inxustiza colectiva dunha Galicia produtora de enerxía que exporta o 38% para que territorios de alto consumo doméstico como Madrid desfruten dunha electricidade máis barata, cando esta sobreprodución, en troques, podería captar novos investimentos industriais para medrar a nosa riqueza ou subvencionar o consumo doméstico dos colectivos en risco de exclusión.

Mellorar a atención sanitaria, social e educativa é un obxectivo das políticas progresistas, ninguén o dubida. Mais no caso galego a solución tampouco está no eixo esquerdas-dereitas, senón no financiamento acaído do noso autogoberno, que inclúa a ponderación axeitada do avellentamento e espallamento da nosa poboación. Máis poder para Galicia suporá mellorar o financiamento do seu autogoberno e, deste xeito, a calidade dos servizos que recebemos. Velaí o impacto que terá nos servizos públicos vascos o recente acordo sobre liquidación do cupo que lle paga Euskadi ao Estado.

Os principais problemas estruturais son nacionais, son de País e teñen pouco a ver co confrontamento entre diversas clases sociais

 

Sectores para nós fulcrais da economía (naval e mar-industria, leiteiro…) son para o Estado prescindibeis. Como, ademais, representamos só o 5,5% da poboación e o 5% do PIB os intereses de Galicia nunca son os de España. O caso histórico da vella IU é claro. Cando existiron diverxencias de intereses (investimentos en infraestruturas, investimentos no sector naval) entre Asturias e Galicia ou Andalucía e Galicia, apostou polos territorios onde tiña máis presenza. Lóxico. Ten un proxecto español e fai ben en defendelo. O caso é quen llelo merque.

Galicia precisa de políticas propias, de poder propio para xerar benestar e potenciar a súa economía. Os nosos problemas sociais teñen nomeadamente unha raíz de País.

Comentarios