Opinión

Galicia, cara ao 2 de outubro

No contexto galego salienta o apoio ao referéndum catalán do BNG, En Marea (que contrasta coa división ao respecto en Podemos e nos comúns cataláns) e boa parte das organizacións sociais vencelladas ao galeguismo e progresismo. Fronte este apoio, o Presidente da Xunta abandeira o discurso do inmobilismo do PP e prioriza á súa subordinaciòn a Rajoy na tarefa da desmontaxe do plebiscito do 1-O.

Bótase faltar, porén, un debate cara unha posición de País a respecto do 2 de outubro.  Porque é moi probábel que, moi logo desa data, principie o debate cara unha reforma constitucional para a reordenación político-territorial do Estado. E Galicia ten evidentes  intereses políticos e económicos nesa eventual reforma.

Porque este proceso podería recoñecer a singularidade nacional de determinados territorios, canda un réxime competencial e financeiro uniforme para os restantes. Singularidade nacional que, no caso de Galicia, habería traducirse nun espazo competencial ampliado e blindado de inxerencias estatais, na competencia exclusiva sobre lingua, cultura, educación, Dereito Civil e goberno local e máis na plena autonomía financeira con total capacidade normativa e de recadación sobre os principais tributos. E mesmo un posíbel recoñecemento, malia que limitado e suxeito a regras bastante ríxidas, do noso dereito a decidir.

Este proceso podería recoñecer a singularidade nacional de determinados territorios, canda un réxime competencial e financeiro uniforme para os restantes

 

Mais para estar neste proceso de reforma constitucional hai que ser. Cómpre sermos nación (ou nacionalidade, tanto ten para os efectos). E sermos conscientes da gravidade do momento histórico. Galicia só achega o 5,1% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os seus alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado. De non nos recoñecer esta singularidade nacional -e canda ela a posibilidade dun  amplo autogoberno que poida xerar benestar- estaremos colleitos dun sistema extractivo dos nosos recursos e negador das nosas potencialidades económicas e culturais.

E velaí a falla de altura histórica do noso Goberno. Porque, na hora na que os territorios han falar, o noso Presidente está máis preocupado por secundar Rajoy na demonización de Catalunya do que na defensa dos intereses económicos e políticos deste país. Os intereses que haberían constituir o norte da súa actuación política.

Comentarios