Opinión

En galego é de xustiza

A Constitución española non recoñece a igualdade xurídica entre galego e castelán; só é obrigatorio o coñecemento do segundo. A Lei Orgánica do Poder Xudicial confire ao galego un rango subordinado: podémolo usar os avogados, partes e peritos, mais só poden usalo os xuíces se ningunha parte alega indefensión por descoñecemento. Na provisión das prazas xudiciais na Galicia o galego non pasa de ser mérito pouco valorado, no canto de obriga. Non faltan avogados de despachos foráneos que conseguen que o xuízo se desenvolva en castelán baixo ameaza de pedir tradución. Velaí que moitos profesionais acodan ao castelán para evitaren dilacións aos xusticiábeis.

Os xusticiábeis só terán liberdade real de opción lingüística cando xuíces e funcionarios coñezan ben a nosa lingua

A normalización do uso do galego nas Administracións locais e da Xunta de Galicia e a súa presenza social fan evidente a anormalidade do que está a pasar na Administración de Xustiza, onde só o 10% das actuacións xudiciais e o 5% das sentenzas usan da lingua propia. Anormalidade que atenta contra os dereitos lingüísticos dos xusticiábeis, que só terán liberdade real de opción lingüística cando xuíces e funcionarios coñezan ben a nosa lingua.   

Velaí que cumpran reformas lexislativas urxentes, como a obrigatoriedade do coñecemento do idioma para acceder ás prazas en Galicia de xuíces, maxistrados, letrados e funcionarios da Administración de Xustiza ou a transferencia á Xunta do Corpo de Letrados desta Administración.

Mentres, cómpre reprobar ás Institucións por tolerar pasivamente esta anormalidade, nomeadamente á Consellaría de Xustiza e á Presidencia do TSXG. E parabenizar as contadas excepcións da Fiscalía Superior de Galicia no periodo de Carlos Varela (2004-2015), do Colexio de Avogados compostelán que preside Evaristo Nogueira ou da Irmandade Xurídica Galega que integran máis de 200 xuíces, maxistrados, fiscais, funcionarios, procuradores e avogados que usan cotiamente da lingua como expresión do seu compromiso coa cidadanía galega e co Estado de Dereito.

Comentarios