Opinión

Fernández Alvariño e a representatividade empresarial

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ven de confundir a súa función representativa coas súas lexítimas opinións persoais, aliñando inequívocamente á organización empresarial galega cun determinado partido político por mòr da “estabilidade política”. 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ven de confundir a súa función representativa coas súas lexítimas opinións persoais, aliñando inequívocamente á organización empresarial galega cun determinado partido político por mòr da “estabilidade política”.  Non se quere decatar Fernández Alvariño da súa función institucional e representativa, que lle obrigaría representar ao seu importantísimo colectivo dende o apartidismo e o respecto á lexitimidade dos concelleiros e alcaldes saídos das pasadas eleccións do 24 de ,maio.

"Esta caste de posicionamentos políticos da CEG e da CEOE e máis o claro predominio na súa estrutura e decisións das grandes empresas motivan o constatábel afastamento da maioría dos emprendedores e empresarios a respecto destas organizacións xigantescas e pouco transparentes"

Desgrazadamente, a actitude do Presidente da CEG non é nova. O falecido Presidente Antonio  Ramilo (1991-2000) identificou os obxectivos da CEG cos do PP, do que foi senador. O mesmo Ramilo que tivo que demitir por graves irregularidades da CEG na xestión dos cursos de formación, polas que segue imputado o seu daquela secretario xeral, Rafael Sánchez Sostre. No nível estatal, o Presidente da CEOE entre 2007 e 2010, Gerardo Díaz Ferrán, defendeu sen pudor ningún os recurtes ao Estado do Benestar e máis as rebaixas salariais cando exercía o seu cargo.Logo sería prendido pola creba do Grupo Marsans e arestora está no cárcere.

Esta caste de posicionamentos políticos da CEG e da CEOE e máis o claro predominio na súa estrutura e decisións das grandes empresas (IBEX 35 e outras) sobre as medianas e familiares motivan o constatábel afastamento da maioría dos emprendedores e empresarios a respecto destas organizacións xigantescas e pouco transparentes. O que non ocorre coa maioría das organizacións empresariais sectoriais, que viven os problemas do día a día dos pequenos e medianos empresarios e mesmo enfrontan a negociación colectiva cun espirito de diálogo e apertura descoñecido secularmente nos burócratas da CEG e CEOE.

Porque moitas pemes que viven do mercado interior precisan non tanto de reformas laborais como da reactivación da capacidade de consumo das clases medias e traballadoras, o que só se acadará con políticas de crecemento. Neste senso, as políticas de austeridade son, tamén, as peores inimigas do conxunto do tecido empresarial.  Nomeadamente das pemes galegas. 

Comentarios