Opinión

Feijóo e o paradoxo galego

Despois de seis anos e oito meses (oitenta meses!) de goberno Feijóo

Despois de seis anos e oito meses (oitenta meses!) de goberno Feijóo, Galicia é máis pobre e máis dependente no económico e absolutamente irrelevante no político. Nestas circunstancias, o paradoxo é o relativo prestixio do que desfruta o Presidente Feijóo, nomeadamente no Madrid político e mediático, consolidándose como número un das posíbeis opcións de remuda para Rajoy como líder estatal.

Vaites paradoxo! Núñez Feijóo prometeu que a fusión entre Caixa Galicia e Caianova constituiría unha entidade líder e solvente. Prometeu que a venda a Pemex do 51% de “Hijos de J. Barreras” era o comezo dunha potente reactivación do sector naval galego. Arestora non hai un só pedido no naval da ría de Vigo mentres vimos como se liquidaba en grande medida o subsector financeiro galego (a absorción do Pastor polo Popular colleu ao Presidente en Málaga) durante o seu  longo mandato. A ruptura das regras de xogo anulando o concurso eólico determinou a ruína deste sector económico, antes grande xerador de emprego e tecnoloxía.

Non houbo un relato para construir empresa nin para construir País, primando unha xestión ineficiente propia dunha grande Deputación

Non houbo un relato para construir empresa nin para construir País, primando unha xestión ineficiente propia dunha grande Deputación. Manifestouse unha obsesión por ser os campións do equilibrio de contas recurtando a calidade asistencial da nosa sanidade e os servizos sociais, deixando así milleiros sen o paraugas da Risga e das prestacións por dependencia. Mentres, desaproveitouse a oportunidade de planificar o territorio e a mobilidade, de coordinar o sistema aeroportuario galego, de pór as ferramentas para converter os nosos portos nunha grande ferramenta de captación de investimento exterior e de xeración de oportunidades de negocio.

Non hai marca Galicia, malia o grande prestixio internacional dos nosos produtos e de varias das nosas empresas. Non existe unha política exterior no pequeno país europeo que potencialmente ten máis introdutores e embaixadores por Europa e polo mundo. Galicia voltou ser  exportadora de man de obra, agora unha xuventude abondo estudada  que, marchando, descapitaliza o País e manca as nosas posibilidades de reaxir.

Como é posíbel este paradoxo? Como é posíbel que sigamos a mercar o relato das excelencias de Núñez Feijóo que venden dende Madrid? 
   

Comentarios