Opinión

Fagan favor, fagan goberno

A análise da recente enquisa do CIS amósanos o extraordinario rendemento electoral que pode quitar a dereita nas eleccións nacionais do vindeiro día 25, en termos de maioría absoluta parlamentaria, dende unha minoría (menos do 45%) de votos. A regra D´Hondt desaquela a representación, premiando aos máis votados e castigando aos demais, nomeadamente cando ningún acada o 50% dos votos do partido máis votado.

Malia todo, a enquisa do CIS (dabondo cociñada, pois converte cadansúas intencións directas de voto do 30,6%, 17% e 11,7% ao PP, En Marea e PSdeG en cadanseus 44,9%, 20% e 20%) reflicte que hai partido. Porque un 37,9% dos enquisados manifestan preferir Feijóo de presidente, mais un 57,3%! prefire que gobernen outros partidos. Porque C’s semella non vai quitar deputados, mais mantén níveis probábeis de voto arredor do 4% que restan de electores do PP. E porque as forzas de oposición son as preferidas polos segmentos de idade media e nova que, porén, semellan aínda os menos mobilizados.

É evidente, pois, que a eventual activación do electorado galeguista e progresista podería quitarlle a maioría absoluta ao PP

É evidente, pois, que a eventual activación do electorado galeguista e progresista podería quitarlle a maioría absoluta ao PP. E, nestas circunstancias, acada unha fulcral importancia a escenificación da vontade de pacto das forzas de oposición, como vimos dicindo a eito e como veñen de pedir varias ducias de persoeiros do noso mundo cultural, comunicacional e universitario no seu chamado “Fagan favor, fagan Goberno”. O cidadán que quere votar alternativa ao PP precisa que se lle dean probas da utilidade do seu voto. É dicir, quere saber que posibilitará un goberno plural e alternativo, que faga as cousas dun xeito oposto á xestión do PP nestes sete anos e medio.

Semella que as principais forzas da oposición non se opoñen a esta solución. Mais con iso non abonda. Cómpre repetilo a mantenta, cómpre escenificalo, quer nos encontros partidarios, quer nos debates plurilaterais. Cómpre desbotar os tacticismos estériles para construír un modelo de gobernanza que lle dea canle a esa maioría social que agarda por unha solución política non continuista con estes sete anos e medio de empobrecemento social e económico e deconstrución nacional.

Falen e pacten as liñas básicas dun programa de goberno. Fagan favor, fagan Goberno.

Comentarios