Opinión

A Facenda galega

Non se poden manter a xeito os servizos públicos sen un financiamento aquelado. E non hai mellor financiamento que aquel que primeiro recada e despois percebe ou paga o complemento da solidariedade..

Non se poden manter a xeito os servizos públicos sen un financiamento aquelado. E non hai mellor financiamento que aquel que primeiro recada e despois percebe ou paga o complemento da solidariedade..

"Transferir dende as Deputacións cadanseus Servizos de Recadación permitirá a xestión e liquidación de todos os tributos locais que os Concellos non recadaran por si proprios"

Alexandre Bóveda primeiro (Estatuto do 1936) e  Carlos Mella despois (autor como vicepresidente da Xunta do rascuño de reforma do Estatuto do 1984)  deseñaron unha verdadeira Facenda galega. Idea que se transladou despois á proposta do Foro Novo Estatuto (2004) e que agora ven de propór a plataforma cidadá “Somos Nós”, como parte do programa electoral  para unha candidatura galega cidadá e unitaria nas vindeiras eleccións xerais.

Formalmente temos xa unha Axencia Tributaria galega, malia que baleira dos seus principais contidos. Transferir dende as Deputacións cadanseus Servizos de Recadación permitirá a xestión e liquidación de todos os tributos locais que os Concellos non recadaran por si proprios, o que melloraría substancialmente a administración tributaria local.

"A principal misión da Axencia Tributaria galega habería ser a xestión, liquidación, inspección e  recadación no noso territorio dos principais impostos directos e indirectos".

Mais a principal misión da Axencia Tributaria galega habería ser a xestión, liquidación, inspección e  recadación no noso territorio dos principais impostos directos e indirectos. Con plena capacidade normativa no mecanismo da exacción tributaria, naturalmente suxeita á coordinación fiscal que se acordara nos níveis estatal e europeo. Coordinación que habería garantir recadarmos o Imposto de Sociedades por toda a actividade produtiva que se desenvolva no noso territorio (alén do domicilio fiscal da entidade) e os Impostos especiais (hidrocarburos, tabaco e alcol) que se devenguen en Galicia, hoxendía imputados a Madrid.

O sistema haberíase pechar con dous Fondos para garantir a solidariedade; un para investimentos e outro para nivelación de servizos. E coa determinación do “quantum” que Galicia lle pagaría ao Estado polos servizos que presta no noso beneficio.

O outro discurso, o da dependencia e a esmola, non garante un acaído financiamento nin o seu automatismo. O autogoberno no gasto precisa do autogoberno no ingreso.
 

Comentarios