Opinión

Europa como garantía do consumidor

A evolución da construción da Unión Europea nos últimos vinte anos foi substancialmente negativa. A primacía reitora dos Consellos Europeo e de Ministros (que representan aos Estados) fronte ao Parlamento Europeo ou á Comisión, que representan o interese común europeo determinou as políticas de austericidio no canto de enfrontar as polítiicas de crecemento que requiría a Depresión. Velaí o bloqueo do Plan Jüncker, que planeou unha enxurrada de investimentos para dinamizar a economía europea e o emprego.

 Mais o que tampouco pode negar ninguén é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ten desenvolvido unha xurisprudencia que garantiu que Europa sexa unha comunidade de Dereito. Fronte ás sentenzas políticas ás que nos teñen afeitos os Tribunais Supremo e Constitucional españois o Tribunal europeo fía fino con sentenzas xurídicas que lle dan abeiro ao consumidor. Foi o Tribunal europeo o que lle deu unha reviravolta ao procedemento de execución hipotecaria español, permitindo oposicións por argumentos de fondo tradicionalmente vetadas no Dereito procesual español e impoñendo a todos os xuices estatais o estudo de oficio de calquera cláusula abusiva nas execucións xudiciais. Foi tamén o Tribunal europeo o que declarou abusivos os avais solidarios prestadas por persoas físicas que non fosen socios ou administradores das entidades avaladas (mais si, seguramente, os  cónxuxes ou ascendentes daqueles).

Os efectos da sentenza do TXUE do 21 de nadal sobardan con moito á anulación da doutrina de patacón do Tribunal Supremo español que limitaba os efectos da nulidade das cláusulas de chan ao 9 de maio de 2013. O que agora dí o Alto Tribunal da UE é que calquera cláusula contractual abusiva ou calquera actuación administrativa ou empresarial que vulnere os dereitos do consumidor han ser eliminadas do mundo xurídico dende o minuto cero, de xeito que ao consumidor se lle restableza na situación da que desfrutaría se esas cláusulas ou actuacións non tivesen existido.

A aplicación do Dereito nos Altos Tribunais españois está inzada de parcialidades e partidismos. No TXUE rexen os criterios xuridicos e a protección dos dereitos dos consumidores. Europa, desta volta, é unha garantía.

Comentarios