Opinión

Estarmos na Europa

O 75% da normativa emana da Unión Europea. Dende a mañá cedo Europa regula a auga coa que nos duchamos e os alimentos que almorzamos e segue todo o día a regular a nosa vida cotián até que nos deitamos.

O 75% da normativa emana da Unión Europea. Dende a mañá cedo Europa regula a auga coa que nos duchamos e os alimentos que almorzamos e segue todo o día a regular a nosa vida cotián até que nos deitamos. O descanso da noite tamén entra nas regulacións europeas, que rexen a fabricación  e composición de sabas e almofadas.

"O 75% da normativa emana da Unión Europea. Dende a mañá cedo Europa regula a auga coa que nos duchamos e os alimentos que almorzamos"

Non é certo que non se poida influir dende Galicia na elaboración e adopción dos regulamentos e directivas europeas. O que ocorre é que a disparidade de medios entre os lobbys financeiro e automobilístico, por exemplo e o lobby dos consumidores é moi notábel. Neste senso, o Parlamento Europeo, o Comité das Rexions, o Comite Económico e Social...son  Institucións que  miran polos consumidores e polos dereitos da cidadanía. Tamén as que pulan polos intereses comúns europeos e polos intereses das rexións e nacións sen Estado como Galicia. Porque case sempre coinciden os intereses dos Estados cos do gran capital financeiro e os intereses comúns europeos e os dos territorios como Galicia cos intereses da pequena e mediana empresa, dos consumidores,  da cidadanía e das maiorías sociais.

"A absoluta postración e abandono no que se atopa a Fundación Galicia-Europa exemplifica o desleixo do Goberno Feijóo a respecto desa cada vez máis achegada Bruxelas, da que depende o noso benestar e a nosa prosperidade".

Velaí que nos interese, como consumidores, como cidadáns, como traballadores e pequenos e medianos empresarios e como galegos máis Europa e menos España. E dotarlles de máis poderes ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea no canto dos Consellos Europeo e de Ministros (entre eles o Ecofin), institucións que defenden os egoísmos dos Estados e os intereses dos grandes bancos e  operadores financeiros. E velaí que nos interese que Galicia poida estar presente en todos os foros de decisión. Tamén nos Consellos de Ministros, para  posibilitar a defensa dos sectores naval,  enerxético,mar-industria, monte-industria ou agrogandeiro que para España non son estratéxicos  e si nidiamente prescindíbeis.

Mais o primeiro é estarmos na Europa. Mais a absoluta postración e abandono no que se atopa a Fundación Galicia-Europa exemplifica o desleixo do Goberno Feijóo a respecto desa cada vez máis achegada Bruxelas, da que depende o noso benestar e a nosa prosperidade.

Comentarios