Opinión

Esquecermos o dependentismo

Os principais problemas que mancan o desenvolvemento socioeconómico galego son problemas derivados da falla de poder político de Galicia.

Velaí a produción de enerxía. Producimos un 35-40% máis de enerxía eléctrica da que consumimos,  da que non tira beneficio ningún, ao se lle exportar a territorios de alto consumo e ningunha produción como a rexión madrileña. Enerxía  suxeita a  unha tarifa igual para todo o Estado que impide atraermos novos investimentos industriais e atender á nosa empresa electrointensiva. Aínda por riba aturamos os custos ambientais  e paisaxísticos da produción enerxética.

Galicia  produce este exceso de enerxía sen poder intervir na autorización de novas instalacións produtoras dende 2013 (polo que non pode  beneficiar, como beneficiaba o Plan Eólico do BNG no 2007, aos proxectos industriais a desenvolvermos no País). E mesmo pódenselle impor ás propiedades da terra expropiacións a baixo prezo para que as grandes distribuidoras eléctricas españolas produzan nova enerxía. Colonialismo enerxético.

Temos tamén os investimentos estatais en  infraestruturas terrestres. Madrid amoreou case o 45% de todos os investimentos estatais en obras públicas entre 1988 e 2018. Dende a radialidade de seis vías tracexada polo primeiro rei borbónico, Filipe V, no 1720, até de agora a estratexia de comunicacións por estrada e camiño de ferro no Estado foi radial. Das resultas deste desaquelado deseño non temos garantidos os nosos principais obxectivos estratéxicos viarios: os portos e as suas conexións ferroviarias e os eixos ferroviarios atlántico (Ferrol/A Coruña-Lisboa) e cantábrico (Galicia-Euskadi), que son os vitais para a nosa vocación marítima e europea, grande hub portuario cara Norteamérica/Caribe e a canle de Panamá.As peaxes da AP-9,  que comunica o territorio atlántico onde mora o 70% da poboación do País, medran mentres as principais ciudades castelás e andaluzas comunícanse por autovías libres da peaxe.

E cumpriría ollar cara ao expolio fiscal galego. Os economistas Xosé Díaz e Xavier Vence teñen amosado unha e outra vez que o déficit fiscal galego entre o custo dos servizos prestados na Galicia pola Administración galega  e a do Estado e o que recadamos é duns 4200-4300 M€/ano. Alén diso, o Estado só distribué un 3,2% dos fondos locais, cando nos cumpriría por poboación un 5,5%. A mesma porcentaxe que nos cumpriría nos fondos territorializados Next Generation EU, nos que só recebiremos o 4,4%.

Logo o dependentismo non interesa, senón   decidirmos o noso futuro. Sen dereito a decidir non pode haber prosperidade.

               

Comentarios