Opinión

A España uniformista

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no 1981, institucionalizou un limitado autogoberno, que aínda sería restrinxido nos trinta e cinco anos seguintes por mor de sucesivas enxurradas recentralizadoras. Porén, mal que ben, o Estatuto e as primeiras leis da autonomía recoñeceron a cooficialidade do galego e os nosos sìmbolos nacionais, o hino e máis a bandeira, que axiña acadaron un uso xeralizado. Recorrentemente as enquisas amosan que entre un 60 e un 65% da cidadanía asumen cadansúa identidade galega e española ao mesmo nível, mentres que un 25% síntense só galegos ou máis galegos ca españois e porcentaxes baixísimos (7-8%) síntense só españois ou máis españois ca galegos.

Contra do uso da nosa lingua e dos nosos símbolos nacionais  -socialmente querido, cando non naturalmente aceptado-, veñen alzándose con intensidade crecente nos últimos tempos actuacións excluíntes, abertamente ilegais, de autoridades varias. Velaí  o expediente sancionador incoado a un patrón de pesca galego en Santander por locer, canda a española, a bandeira galega no seu barco. Ou a requisa de bandeiras galegas nos estadios de Madrid ou Valladolid e de bufandas dos Celtarras en Vigo por suposta incitación á violencia, mentres en moitos estadios da España profunda locen sen restricións símbolos preconstitucionais ou abertamente nazis. Tamén a  ríspida prohibición do hino galego acordada polo comisario da Federación Española no recente partido Basket Coruña-Breogán.

Contra do uso da nosa lingua e dos nosos símbolos nacionais, veñen alzándose con intensidade crecente actuacións excluíntes, abertamente ilegais, de autoridades varias

Pola súa banda, o uso normal da lingua galega atópase con moitas restricións de feito nos ámbitos xudiciais e policiais e en todos os vencellados coa Administración do Estado. Restricións que semellan non ir a menos nos últimos tempos, senón a máis.

Que está a suceder? Pois que mentres case dous terzos das persoas na Galicia non ven conflito entre as identidades galega e española, no Estado é crecente a exclusión da identidade galega e das identidades nacionais distintas á España castelá. É dicir, que a España oficial e a social e políticamente relevante non acredita máis nas identidades partilladas que no noso País son -aínda- percebidas con normalidade. 

Velaí un problema moi serio.

Comentarios