Opinión

España non mira polo noso

Vaia balbordo o do Brexit! Porque outravolta o PSOE de Sánchez mercoulle á dereita española o seu concepto de España como realidade uninacional plurisecular para centrar a súa oposición ao acordo UE-Reino Unido (UK) sobre o Brexit no estatuto de Xibraltar. Oposición seica xa retirada arestora por mor dun acordo político, por certo non vinculante xuridicamente.

A Galicia e á súa cidadanía nada lle importa esa andrómena caduca de Xibraltar. O que nos importa de verdade, nesta andaina do Brexit, son os dereitos dos armadores e pescadores galegos nos caladoiros do UK, os dereitos dos moitos millares de galegxs que estudan e traballan no UK e máis as regras que garantan non só o desarmamento alfandegueiro, senón o desarmamento normativo (que é moi outra cosa) a respecto das moi importantes exportacións galegas ao UK.

Porque nesta UE os territorios subestatais, mesmo coa autonomía de Escocia ou Euskadi, non teñen voz real ningunha. Velaí a cerna do problema do Brexit: a República de Irlanda, un Estado independente, acadou do Goberno do UK un acordo de definitiva supresión da fronteira entre a devandita República e o territorio británico do Ulster, a Irlanda do NE, nos acordos do Venres Santo de 1998. Agora isto é causa finita, en canto que a escocesa decisión contra o Brexit no referéndum de xuño de 2016 (62% vs 38%) non ten valor ningún. Por que? Porque Escocia non é un Estado independente e Irlanda si.

Nesta UE os territorios subestatais, mesmo coa autonomía de Escocia ou Euskadi, non teñen voz real ningunha

 

Claro é que hai menos dun ano Juncker,  Presidente da Comisión Europea, dixo que Europa era ingobernábel con 90 Estados. Abofé que ten razón. O seu luxemburgués Grande Ducado, inventado como entidade política no 1867, é un Estado de tradición. Saberá Juncker que as raíces do Reino de Galicia chegan ao século V e as dos Condados cataláns, o condado de Flandres, o Ducado de Bretaña, o ducado de Bavaria, o reino de Escocia ou o reino euskaldún de Navarra remóntanse ao século IX?

Na Europa dos 27, sete Estados (Chipre, Malta, as bálticas Lituania, Letonia ou Estonia, Eslovenia e Luxemburgo) teñen menos poboación e non máis dereito internacional como Galicia para axir como Estados independentes.

Decátase a UE que ten que se organizar en base aos seus pobos reais e non aos seus Estados máis ou menos impostos para poder enfrontar o seu dubidoso futuro cun mínimo éxito?

Comentarios