Opinión

Escocia e Catalunya

Hai agora un ano xusto da decisión da cidadanía escocesa de continuar vencellados como até de agora ao Reino Unido


Hai agora un ano xusto da decisión da cidadanía escocesa de continuar vencellados como até de agora ao Reino Unido, nun referéndum no que o 55,3% votou negativamente e o 44,7% afirmativamente. Naquela decisión influíron os posicionamentos de determinados bancos e aseguradoras (Royal Bank of Scotland, Bank of Scotland, Aviva) que ameazaron con transladar a súa sede social e operativa a Londres se gañaba o voto afirmativo. E tamén influíu o chamamento ao voto negativo dos tres principais partidos estatais (tories, laboristas e lib dem) que ofreceron, en troques, aprobar de contado un incremento substancial da autonomía escocesa, nomedamente nos eidos fiscal e das políticas sociais.

Un ano despois, esta promesa ficou sen cumprir. O premier David Cameron gañou as eleccións xerais británicas con maioría absoluta e prioriza  agora a súa propia promesa electoral: un referéndum para decidiren a permanencia na Union Europe antes do remate do 2017. Os nacionalistas do Scottish National Party (SNP) reforzáronse substancialmente despois do referéndum, furando  a base electoral dos laboristas. Nas eleccións de maio quitaron o 50% dos votos e 56 dos 59 escanos escoceses en Westminster. As enquisas para as vindeiras autonómicas, a celebraren no 2016, outórganlles unha cómoda maioría absoluta, cunha porcentaxe de voto semellante. E as mesmas enquisas invirten os números do referéndum de setembro do 2014 no caso de se celebrar agora: o 55% da cidadanía estaría polo SI e o 45% polo NON.

"A first minister escocesa, Nicola Stugeon, xa advertiu que Escocia quere seguir na UE faga o que faga Inglaterra"

Cameron nega a posibilidade doutro referéndum no curto prazo. Mais o SNP xa incorporou unha folla de ruta cara un segundo referéndum, como parte fulcral do seu programa electoral para as próximas eleccións ao Parlamento escocés de Holyrood. Reivindicación estreitamente vencellada á promesa electoral de Cameron a respecto dun referéndum sobre a continuidade na Unión Europea para o conxunto do Reino Unido. A first minister escocesa, Nicola Stugeon, xa advertiu que Escocia quere seguir na UE faga o que faga Inglaterra. 
 
Catalunya e Escocia son países e procesos distintos. Mais o que si partillan é a común apelación do unionismo político e dos seus axentes ao voto do medo, cando a  convivencia en común require doutra caste de vencellos en positivo. Faltou nos últimos 25 anos en Madrid un relato con vontade integradora que recoñecese a plurinacionalidade do Estado. E agora pode ser tarde de máis.

Comentarios