Opinión

O escándalo de Ence

A Administración do Estado vén de prorrogar a concesión administrativa de ENCE en Lourizán-Pontevedra sobre os terreos de dominio público que ocupa dende a súa construción


A Administración do Estado vén de prorrogar a concesión administrativa de ENCE en Lourizán-Pontevedra sobre os terreos de dominio público que ocupa dende a súa construción. A decisión adoptouna a directora xeral de Sostibilidade da Costa do Ministerio competente, estando o Goberno do Estado e a súa ministra en funcións dende as eleccións xerais do 20-D.

Unha ministra en funcións non pode máis ca resolver cuestións de trámite. Esta cualidade non atinxe literalmente os directores e secretarios xerais, xecretarios de Estado… que nomea e cesa libremente o Consello de Ministros.

Unha decisión que era imposíbel coa Lei de Costas do 1988, fíxose factíbel por mor da reforma da devandita Lei que o PP aprobou no 2013

Mais, nunha interpretación finalista da norma, os altos cargos que foron nomeados por un presidente e uns ministros xa cesados, malia que en funcións, non haberían resolver expedientes administrativos desta dimensión e caste. Ademáis, as competencias da directora xeral non lle pertencen de seu por norma ningunha, senón que as exerce por delegación expresa da ministra, revogábel en calquera momento. As dúbidas xurídicas desta decisión son moi notábeis.

Sexa como for esta prórroga constitúe un auténtico escándalo político. Unha decisión que era imposíbel coa Lei de Costas do 1988, fíxose factíbel por mor da reforma da devandita Lei que o PP aprobou no 2013. E veu precedida este verán dunha resolución do Goberno do Estado, aínda non definitiva por ter sido recorrida, que determinaba que a concesión non  estaba caducada (por superar determinadas emisións tóxicas prohibidas no tìtulo concesional).

Fontes do ambientalismo pontevedrés avalían os gaños da pasteira española por esta operación en 2.000 M€, fronte aos 61 M€ dos investimentos ambientais que ofreceu na súa solicitude de prórroga

Dende entón, déuselle pulo ao trámite en plena precampaña, comezando polo informe ambiental da Xunta favorábel á prórroga de 60 anos solicitada por ENCE, emitido con absoluta falla de transparencia pola Administración autonómica que, deste xeito, emenda de totalidade as reiteradas manifestacións do presidente Feijóo a prol dunha nova ubicación de ENCE  dende o verán do 2018.

Fontes do ambientalismo pontevedrés avalían os gaños da pasteira española por esta operación en 2.000 M€, fronte aos 61 M€ dos investimentos ambientais que ofreceu na súa solicitude de prórroga. Velaí as dúbidas terríbeis que agocha unha decisión tan beneficiosa a unha empresa que pertence a uns poucos. Iso si, moi ben relacionados.

Comentarios