Opinión

Os tres erros de En Marea

Aos dous meses do seu éxito, En Marea enfronta unha onda de certa decepción entre o electorado que o empoleirou á segunda praza nas eleccións xerais. O propio profesor Beiras vén de recoñecer defectos de coordinación e desfase entre a coalición e os seus parlamentarios. Defectos tan importantes como para que En Marea asine canda Podemos un documento onde non hai nin unha liña de referencia á axenda galega e onde os plantexamentos de recoñecemento da plurinacionalidade e reversión da recentralización do PP baten contra plantexamentos centralizantes que pretenden crear Ministerios sen competencias (Igualdade, Vivenda, Cultura) ou descoñecen o ámbito competencial dos Gobernos autonómicos.

O primeiro erro de En Marea foi non integrar o Grupo Mixto e deixarse seducir por esa andrómena do Grupo Confederal de Podemos. Velaí Compromís, está no Grupo Mixto e acada unha visibilidade e presenza moi superior á dos deputados galegos.

Compromís chegou a un preacordo para o recoñecemento e pagamento da débeda pública valenciana e En Marea segue inédita

O segundo erro foi partillar a delegación de Podemos no proceso de negociación para a investidura de Pedro Sánchez, no canto de desenvolver unha actuación propia e autónoma, con representantes de seu, todo o coordinados con Podemos que fose preciso e factíbel. As resultas deste erro tamén son notábeis: Compromís chegou a un preacordo para o recoñecemento e pagamento da débeda pública valenciana e En Marea segue inédita.

O terceiro erro é non construír e contar un relato, en Madrid e na Galicia, que faga presentes os problemas e especificidades do noso País no proceso de negociación dunha nova gobernanza

E, en último de contas, o terceiro erro é non construír e contar un relato, en Madrid e na Galicia, que faga presentes os problemas e especificidades do noso País no proceso de negociación dunha nova gobernanza. Non é nada doado, require de coordinación, traballo, experiencia e sorte. Pero o crédito electoral que a cidadanía lle outorgou á coalición galega esixe que este relato se artelle e conte a xeito.

Malia todo ten razón Beiras. O importante non é como comece, senón como remate o conto. Claro que para que muden as circunstancias cómpre, si, toda a auctoritas do profesor. Mais tamén un mundo de cadros, estruturas e técnicas de comunicación e coordinación que polo de agora non se albiscan por parte ningunha.

Comentarios