Opinión

Empresas que viven aquí

Non é certo que a empresa privada, por definición, sexa máis eficiente do que a pública. Todos coñecemos exemplos a eito de grandes empresas pertencentes aos sectores regulados, ao capitalismo de BOE e amiguetes, que son moi ineficientes. Gañan tanto por mor da regulación aprobada polo Poder amigo (exemplo, as distribuidoras eléctricas) que só atende aos seus directivos.

Mais ninguén pode pór en dúbida que un país para medrar, mesmo para existir, precisa do emprendemento empresarial, no sentido que o describiu Schumpeter: innovar técnica e financeiramente nun ámbito competitivo, asumindo riscos e obtendo un beneficio variábel. Non hai nin pode haber crecemento e tampouco distribución da riqueza sen emprendemento.

Mais ninguén pode pór en dúbida que un país para medrar, mesmo para existir, precisa do emprendemento empresarial

Velaí a importancia que ten a saúde da empresa familiar galega. Porque o 92,4% por cento das empresas galegas son de propiedade e xestión familiar (sen contar autónomos). 69 das 100 principais empresas que operan en Galicia son de capital familiar galego. E esta caste de empresas galegas xeran máis Valor Engadido Bruto (2,2M€/ano) ca a media estatal (1,6M€/ano). Tamén xeran máis emprego medio e presentan unha meirande feminización.

As empresas familiares potencian o efecto-sede: a localización da xestión na Galicia afasta o risco de deslocalización das actividades estratéxicas e de meirande valor engadido (enxeñaría, dirección e coordinación xeral…), as que xeran postos de traballo mellor remunerados. Por desgraza, a deslocalización de actividades produtivas na actual conxuntura globalizada é dificilmente evitábel.

69 das 100 principais empresas que operan en Galicia son de capital familiar galego

Mais as empresas familiares enfróntanse con graves limitacións: invisten menos en I+D+i, teñen peor acceso ao financiamento (o Mercado Alternativo Bursátil-MAB é moi limitado aínda), han resolver as crises de sucesión xeracional (poucas empresas familiares acadan a terceira xeración) e deben loitar por profesionalizar a xestión e mellorar a súa gobernanza. Velaí a importancia dos protocolos de sucesión e dos códigos de bon goberno corporativo.

As forzas que constitúen a alternativa de goberno ao PP na Galicia haberían definir a súa liña de actuación a respecto deste piar esencial da nosa economía e do noso benestar.

  

Comentarios