Opinión

Elección de alcaldes e avantaxismo político

Unha reforma desta caste carece de lexitimidade de exercicio, pois que suporía unha mutación institucional implícita ás regras do Dereito electoral

A Constitución só esixe que os concellos se integren por cadanseu alcalde e concelleiros. Os alcaldes poden ser elixidos polos veciños ou polos concelleiros. Xa que logo, unha lei orgánica, que só require da maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais ( no poder do PP dende decembro do 2011) sería quén a impor, quer a elección directa dos alcaldes, quer unha sobreprima de concelleiros á minoría máis votada, de xeito que se lle atribuÍsen  de pleno dereito a metade máis un dos concelleiros.

  Velaí a trascendencia de lle outorgar maioría absoluta nas dúas Cámaras a un partido, porque ficará libre de aprobar os Decretos-Leis e Leis Orgánicas que lle peten e de controlar a elección dos Tribunais Constitucional, Supremo, de Contas e do Consello do Poder Xudicial e, dende logo, a axenda do primeiro dos mesmos. Un poder case omnímodo.

   Mais, con ser plenamente constitucional e con contar o PP estatal con lexitimidade de orixe abonda, unha reforma desta caste carece de lexitimidade de exercicio, pois que suporía unha mutación institucional implícita ás regras do Dereito electoral, que até de agora constituiron, no nível local, materia consensuada. Igualiño ca en todos os sistemas democráticos da nosa Europa. Para máis, esta reforma constituiría unha inaceptábel concentración de poder, lesiva para a participación cidadá, para o control democrático e para a  efectiva prevención da corrupción.

De se concretar esta reforma na atribución da maioría absoluta da Corporación ao partido máis votado, a segunda forza política sería a máis prexudicada, pois que repartiría co resto dos partidos o resto dos concelleiros proporcionalmente, enfrontando á maioría absoluta en moitos casos  unha pluralidade de forzas sen segunda opción salientábel. Velaí un risco que ao mellor non calculou o PP: a formación de inéditas coalicións preelectorais, lexitimadas politicamente por mór da lesividade e unilateralidade dunha tal reforma.

Unha reforma que, por moitas voltas que lle dean, non lle atoparán máis xustificación ca a consecución dos intereses partidistas –e conxunturais- do PP.

Comentarios