Opinión

A desmontaxe das axudas á dependencia

O Parlamento do Estado aprobou en decembro do 2006 a chamada lei de Dependencia,  orientada ao apoio das persoas con dependencia severa ou grande dependencia (graos II e III). Axiña comprobouse que nacía cun financiamento insuficiente que  cargaba o custo da meirande parte dos novos servizos na Xunta, entón dirixida polo bipartito. 

O Parlamento do Estado aprobou en decembro do 2006 a chamada lei de Dependencia,  orientada ao apoio das persoas con dependencia severa ou grande dependencia (graos II e III). Axiña comprobouse que nacía cun financiamento insuficiente que  cargaba o custo da meirande parte dos novos servizos na Xunta, entón dirixida polo bipartito. O sistema funcionaría máis a xeito cunha dotación de recursos programada e outorgándolle plena autonomía ao sistema galego de benestar para orientar os recursos ás necesidades da poboación dependente galega, moito máis precisada de axudas a coidadores familiares e centros de día. Indubidábelmente fican para a historia os erros de indeterminación e dirixismo de Zapatero e os esforzos do vicepresidente Anxo Quintana por dotar os novos servizos.

"Galicia non ten usado do seu autogoberno para blindar o tratamento dos seus dependentes, facendo seguidismo desta desmontaxe". 

Malia isto, a fins do 2011 atendíanse no Estado 700.000 grandes e severos dependentes.  Dende entón, Rajoy ten desenvolvido unha política de deconstrución que desfixo un sistema de atención individualizada para convertelo nun conxunto non integrado de respostas asistencialistas. E Galicia non ten usado do seu autogoberno para blindar o tratamento dos seus dependentes, facendo seguidismo desta desmontaxe. Inflúe decisivamente  o oneroso do pagamento do servizo da debeda pública polos altos tipos de xuro que se lle aboan a unha parte significativa e non amortizábel da mesma, herdanza da xestión da conselleira Fernández Currás.

"O servizo universal de transporte adaptado (ese popular 065 creado por Anxo Quintana) dos dependentes galegos ven de ser reducido nun 70%".

UGT ven de denunciar que menos do 48% dos dependentes galegos están a recebir algunha prestación. O servizo universal de transporte adaptado (ese popular 065 creado por Anxo Quintana que tanto facía pola autonomía persoal-viaxes aos centros de día, consultas médicas, piscinas…-) dos dependentes galegos ven de ser reducido na fin deste inverno nun 70%.

Mentres, amplíase o copagamento de servizos a milleiros de dependentes galegos con rendas absolutamente insuficientes, ao lles ponderar un patrimonio irreal, baseado nun valor absurdamente elevado de bens urbanos e rústicos que ninguén paga no mercado. O mesmo valor que está a penalizar á cidadanía galega cando liquida os Impostos de Sucesións e Transmisións Patrimoniais.

Comentarios