Opinión

O dereito á morte digna

Andrea morreu este venres, catro días despois que os pediatras do CHUS lle retirasen a alimentación artificial

Andrea morreu este venres, catro días despois que os pediatras do CHUS lle retirasen a alimentación artificial e lle instaurasen coidados paliativos e nove días despois de que o seu pai e a súa nai contasen nos media o seu rexeitamento a calquera tratamento que non fose de coidados paliativos, para lle garantir á súa filla calidade de vida no seu tránsito. 

Existen, aínda, persoas que priorizan o enfoque curativo nestas circunstancias. Mesmo algún ilustre opinador dixo noutro xornal galego que o que se pretendía era determinar a morte da rapaza por inanición e que a alimentación por sonda non constituía de seu un esforzo terapéutico esaxerado. Mais a alimentación artificial, neste caso, alongaba a vida biolóxica de Andrea sen posibilidade real de atenuar a súa doenza e, xeraba, ademáis, determinados síntomas refractarios (entre eles aqueles continuos vómitos) que impedían a calidade de vida da nena na derradeira fase da súa vida. Suspender a alimentación artificial e implantar os coidados paliativos non eran unha opción, senón que constituían unha obriga moral da equipa médica.

Constatamos a grande utilidade de termos unha lei galega propia, de dereitos e garantías das persoas enfermas terminais

Destes días quitamos varias ensinanzas. Vimos que a difusión mediática do caso que decidiron o pai e a nai da rapaza foron determinantes da solución. Comprobamos o bon funcionamento do Imelga e do  Xulgado de Familia compostelán, pioneiro na mediación en Galicia polo pulo do antigo vicepresidente Anxo Quintana e dos Colexios de Psicólogos de Galicia e de Avogados de Compostela. E constatamos a grande utilidade de termos unha lei galega propia, de dereitos e garantías das persoas enfermas terminais (vixente dende o  San Roque último), aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Unha vez máis, demostrouse que o autogoberno político interesa e que as leis de noso (como a que nos permite deixar á nosa morte os bens a quen queiramos agás o cuarto de lexítima, que na maioría do Estado é de dous terzos) melloran a nosa calidade de vida e o noso benestar. Sobre todo cando non respostan a unha maioría mecánica representativa dunha minoría social, senón que emanan do consenso xeral do  País. 

Andrea descansa xa.

Comentarios