Opinión

A depuración socialista

No PSdeG e no PSOE, como en moitas outras organizacións e entidades, o cesamento ou demisión do Presidente ou Secretario Xeral ou de máis da metade da Directiva ou Executiva determina a necesidade de nomear unha Xestora que administre a organización até a celebración do seguinte Congreso ou Asemblea. Así foi con X.R. Gómez Besteiro no PSdeG e con Pedro Sanchez no PSOE. Mais as Xestoras do PSdeG ou do PSOE non poden actuar coma se fosen órganos de dirección ordinarios, porque non teñen lexitimidade ninguha. A súa función é convocar con garantías de participación para todos o vindeiro Congreso e administrar a organización no tempo intermedio. De feito, os Estatutos federais do PSOE sinalan en 45 días o tempo mínimo para convocar Congreso e non fixan tempo máximo. E non o fixan porque precisamente o que compre é regular ese tempo mínimo que esixe unha convocatoria en igualdade de condicións, porque, a respecto do tempo máximo, considérase que a Xestora por definición é interina e só cumpre a súa misión convocando axiña o Congreso.

O que vemos é como a maioría  susanista-felipista na Xestora eleita no Comité Federal procede a unha sistemática depuración dos cadros non adictos e a adiar indefinidamente o Congreso Federal

Pode existir algunha excepción que poida adiar racionalmente ese Congreso, como de feito ocorriu no noso país, coa convocatoria das eleccións nacionais galegas. Pero arestora non existen no horizonte convocatorias electorais galegas ou estatais. Imponse, xa que logo, convocar o Congreso galego que é o máis atrasado. E tamén imponse convocar axiña o Congreso estatal. Mais o que vemos é como a maioría  susanista-felipista na Xestora eleita no Comité Federal procede a unha sistemática depuración dos cadros non adictos e a adiar indefinidamente o Congreso Federal, amosando prácticas de purga e depuración impropias dun sistema democrático. Mentres, o alcalde de Vigo esixe a remoción da Xestora do PSdeG pola Xestora federal, para lles facer o Congreso galego á medida do susanismo-caballerismo-felipismo.

Velaí como a coalición das portas xiratorias usa dun instrumento de administración interina como é unha Xestora para depurar a disidencia e convocar futuros Congresos á búlgara. Claro é que, á vista da implosión que sofren o PSdeG e o PSOE, o que non sabemos é quen vai ficar daquela a bordo. 

Comentarios