Opinión

O dependentismo que nos amola

O dependentismo acredita que Galicia é pobre e non é quen de se autogobernar, dependendo da axuda ou suposta solidariedade dun Estado recentralizado no político e no económico. Tampouco sería quen de promover un desenvolvemento económico baseado nas novas tecnoloxías e seus propios recursos materiais e humanos, senón só de asumir un rol subsidiario e dependente de Madrid.

Moita xente considera que o dilema entre o dependentismo e o galeguismo é unha lea entre políticos que non atinxe a súa vida cotiá. E están trabucados. Galicia ten unha realidade territorial, poboacional e económica propias e moi diferentes á doutros territorios do Estado, polo que precisamos normativas e políticas propias. A Lei de Costas estatal non resolve os problemas dos nosos núcleos urbanos en dominio público. A liberalización de horarios e de superficies comerciais imposta por Rajoy afunde o noso comercio de proximidade e despoboa as nosas vilas e barrios. A realidade dunha AP-9 dependente dun Estado insensíbel aos nosos problemas de mobilidade é un claro exemplo da necesidade do autogoberno.

O dependentismo olla Galicia como periférica. Mais na economía marítima non o somos, por estarmos xusto a pé da rota entre a canle de Panamá e a Norteamérica atlántica e os grandes portos británicos, Antuerpe e Rotterdam. A transferencia da xestión á Xunta de todos os portos habería xerar grandes oportunidades.

Galicia ten unha realidade territorial, poboacional e económica propias e moi diferentes á doutros territorios do Estado, polo que precisamos normativas e políticas propias

 

Por outra banda, os nosos alicerces económicos son prescindíbeis no contexto do Estado. Os complexos mar-industria e monte-industria, o séctor lácteo, a produción de enerxía… Nós precisamos moito máis ca outros do autogoberno. No noso caso é a única vía cara ao benestar.

Galicia ten futuro económico si acredita en si propia. Si artella por si as políticas sociais e de promoción empresarial acaídas, aproba as leis necesarias e promove o clima social e empresarial preciso. Mais para facermos todo isto cómpre desbotar o dependentismo e pensar e actuar en clave propia. Pensar en gañador e deixar de confiar na esmola dos outros. Unha esmola que previamente chuchan dos nosos recursos. 

Comentarios