Opinión

Demagoxias

É sabido que a actividade institucional ten limitacións retributivas. Velaí que o líder de En Marea, Luís Villares (maxistrado do TSXG), ou Xulio Ferreiro, alcalde d’A Coruña (profesor titular da UDC e maxistrado suplente da Audiencia de Lugo) perdan diñeiro co seu compromiso político. Probabelmente estas limitacións sexan difíciles de obviar, porque é inconveniente converter as retribucións institucionais nunha poxa. Moito máis nun país -Galicia- cun soldo medio tan baixo.

Agora ben, é incomprensíbel como dende Podemos se desenvolvese un ataque tan directo contra a dignidade retributiva dos cargos institucionais. Dignidade retributiva que é unha necesidade da política para a xente e, nomeadamente, da política de oposición parlamentaria. Con plantexamentos demagóxicos como éste, Podemos non fai senón validar as ladaíñas da dereita e dos grandes lobbies: “son todos iguais”, “as súas prioridades son garantirse soldo e privilexios”.

Con plantexamentos demagóxicos como éste, Podemos non fai senón validar as ladaíñas da dereita e dos grandes lobbies: “son todos iguais”

Que os nosos representantes institucionais desfruten dun soldo digno, dun bon soporte administrativo e loxístico e de axeitados medios ofimáticos e informáticos constitúe un requisito para que desenvolvan o seu labor con dedicación, eficacia e independencia. Sendo tanto máis importante canto máis afastado estea o seu partido do poder económico e político. O voluntarismo e o voluntariado son moi meritorios, mais adoitan ser bastante menos eficaces.

Por outra banda, o obxectivo dunha forza progresista non ha ser levar o precariado ás institucións, senón dignificar as condicións de vida e traballo dese precariado. Hai talento e experiencia que moitas veces non se aproveita por prexuízos esquerdizantes ou por actitudes adanistas, o que xera déficits de eficiencia e resultados que rematan xerando divorcio con amplos sectores da cidadanía.

A derradeira carta da baralla é pretender que o líder dunha forza emerxente, como é o caso de Luis Villares financie e conduza douscentos kms diarios despois da súa xornada parlamentaria para construír partido ou fique sen retribución ningunha entre o 4 de agosto e o 20 de outubro. 

Queremos que só os parados ou os ricos poidan dedicarse á política?   

Comentarios