Opinión

A culpa é do bipartito

A hemeroteca é teimuda. Cun só click somos quen de lembrar as culpas que Feijóo e outros altos cargos do seu Goberno lle foron botando ao bipartito en relación coa emisión de preferentes polas Caixas, a creba das propias Caixas, os recurtes sociais, a privatización na xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de  Vigo e mesmo a diminución cuantitativa dos galegofalantes! Se alguén dubida que o comprobe vía google e verá que nin minto nin esaxero.

O noso Presidente ten unha grande capacidade para lle botar a culpa aos demais. E, malia que aínda use nalgunha ocasión illada da apelación aos males do bipartito, agora os principais destinatarios son os partidos da oposición, nomeadamente o  BNG e ese ente, seica  misterioso e sempre maléfico, ao  que batizou como ”as Mareas de Podemos”. Noutras ocasións os destinatarios son colectivos concretos: médicos, funcionarios, mariscadores, concellos ou agricultores da pataca. Quer por problemas competenciais quer por insuficiencia de cartos a culpa sempre é dos demais, incluídos moitas veces os propios cidadáns. “Eu non teño, eu non podo, non é cousa miña…”

Sempre hai tempo para as cousas verdadeiramente importantes: andar polas radios e TV de Madrid pregoando as excelencias do unionismo

Iso sí, sempre hai tempo para as cousas verdadeiramente importantes: andar polas radios e TV de Madrid pregoando as excelencias do unionismo e amañar os problemas doutrinais e organizativos do PP estatal. A ofensiva mediática a respecto do novo Goberno estatal e o propio Congreso do PP proxectounos a idea dun Feijóo omnipresente e influínte, marcando a axenda do PP e do Goberno estatais.

Mais a propaganda non habería agachar a realidade. Non hai prazos para o AVE, fronte aos sucesivos Ministros de Fomento que insultaron a nosa intelixencia. Os nosos portos perden os fondos europeos para conectalos ferroviariamente por Europa porque Fomento aposta polo eixo de mercadorías Porto-Lisboa- Castela León-Euskadi-Francia. No financiamento local perdemos 500 M€/ano (182 €/galego) sobre o que nos cómpre por poboación. Pagamos máis pola enerxía que producimos con alto custo ambiental e Fomento -outra vez Fomento- despreza a unánime reivindicación nacional a prol da transferencia da autoestrada AP-9, que é o eixo vertebrador para o 70% da nosa poboación.

É moito pedir un Goberno que mire polo País no canto de lle botar a culpa aos demais?

Comentarios