Opinión

Constitucionalizarmos o dereito a decidir

As Cortes Xerais a elixirmos o vindeiro 20-D haberían abrir o proceso para unha reforma constitucional


As Cortes Xerais a elixirmos o vindeiro 20-D haberían abrir o proceso para unha reforma constitucional que poida encaixar a plurinacionalidade española e axeitar as regras ao século XXI. No 1978 moitas persoas non votamos por idade e os debates monárquico e plurinacional foron limitados polo poder daquel franquismo sociolóxico que inzaba as institucións e que reproduciu algúns dos seus esquemas operativos no modelo da transición.

Cinguíndonos hoxe só ao modelo territorial, cumpriría reformar o Título VIII para internalizar totalmente o réxime local. Cada autonomía sexa responsábel da súa organización territorial e réxime local. Quen queira Deputacións que as pague. Quen opte pola fusión dos concellos, adiante. Ao tempo, cumpriría garantir un financiamento autonómico e local que garantise as correccións precisas por avellentamento e dispersión poboacionais que hoxe non se nos recoñecen.

Cómpre simplificar o réxime atribuíndolle ás autonomías todas as competencias non exclusivas do Estado

No nível competencial, cómpre simplificar o réxime atribuíndolle ás autonomías todas as competencias non exclusivas do Estado, que haberían cinguirse ás realmente nucleares. Mais sería intelixente recoñecer o dereito a decidir da cidadanía de determinados territorios para renunciar, se así o prefiren, ás competencias de educación, xustiza, policía e seguranza cidadá e sanidade. A conveniencia dunha autonomía de xestión sanitaria ou educativa da Rioxa ou Murcia é, cando menos, dubidábel.
 
A Disposición Adicional 1ª, a carón da garantía da foralidade, habería recoñecer a personalidade nacional de Catalunya, Euskadi e Galicia e dos outros territorios que o plebiscitasen no futuro. A estas nacionalidades recoñeceríanselles competencias exclusivas e excluíntes en lingua, cultura, educación, policia e seguranza, Dereito Civil, infraestruturas e políticas económicas e sociais. E, consonte cunha “regra da claridade” inspirada na doutrina do Tribunal Supremo canadiano para Quebec, recoñeceríaselles o dereito a  decidir con determinadas limitacións de participación, votación e tempo mínimo entre referendos.

Esta proposta requiriría só dos trámites da reforma ordinaria (3/5 das Cámaras e maioría cidadá nun referéndum). 

Comentarios