Opinión

Ciudadanos e a política local galega

As últimas enquisas a nível estatal reflicten que o PP e Ciudadanos (Cs) poderían quitar máis do 50% dos votos e unha ampla maioría absoluta. Cara ás vindeiras eleccións locais de maio 2019 xuntos quitarían maioría absoluta nas capitais de provincia todas, mesmo tamén en Madrid, Palma e Valencia, agás nas galegas, nas vascas, nas catalás, en Pamplona e Santa Cruz de Tenerife.

Até de agora Cs obtivo moi malos resultados en Galicia, onde non entrou no Parlamento no 2016 nin nos concellos urbanos do noso País, agás con cadanseu concelleiro en Pontevedra, Ferrol e Lugo (16 na Galicia toda). Percébese como un partido de paracaidistas, sen arraigo territorial, nin discurso nin mensaxe galega, de non ser o rexeitamento ás obras para traermos o tren de alta velocidade ou a adopción do discurso  de Galicia Bilingüe (hoxe recoñecidos monolingües integrados en Hablamos español) contra a nosa lingua e identidade.

Cs percébese como un partido de paracaidistas, sen arraigo territorial, nin discurso nin mensaxe galega

 

Cs constitúe o novo nacionalismo supremacista español dende posicións de dereita dura. Fronte ao seu discurso territorial e social non poucos do PPdeG semellan moderados no social e no autonómico. Xa que logo, os hipotéticos gobernos de coalición locais PP-Cs en Galicia suporían unha grande regresión no identitario, no económico e no social, superando mesmo a involución  dos pasados gobernos locais do PP.

Velaí a obriga do PSdeG de definir o que quere ser de maior. Gonzalo Caballero haberá proclamar se quere facer tripartitos do 155 ou opta por gobernos locais galeguistas e progresistas. Ten de dicilo claro e ten de dicilo xa.

Gonzalo Caballero haberá proclamar se quere facer tripartitos do 155 ou opta por gobernos locais galeguistas e progresistas.

 

E as distintas mareas locais, canda o propio BNG, En Marea e o propio CXG haberían priorizar o tecido dun amplo espazo de consenso que sexa quen a frear este risco involutivo. Nalgúns concellos a pluralidade da oferta axudará a acadar gobernos de progreso. Noutros cumprirá acadar alianzas preelectorais. 

Cs ameaza con ser un elemento claramente involutivo na política galega, nomeadamente na política local das súas principais cidades e vilas. As forzas galeguistas e progresistas precisan coordinarse para superar este risco e para evitar que o PSdeG asuma os postulados do tripartito do 155, como até de agora asumiu o PSOE. 

Comentarios