Opinión

Carlos Varela, fiscal superior

Galicia precisa de referentes de noso. Os países pequenos, os países negados até por algúns dos seus fillos, precisamos de exemplos. Eis o  do primeiro Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que agora esgota dez anos de mandato. 

Galicia precisa de referentes de noso. Os países pequenos, os países negados até por algúns dos seus fillos, precisamos de exemplos. Eis o  do primeiro Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que agora esgota dez anos de mandato. A demostración de que o valor das Institucións é directamente proporcional ao seu traballo a prol dos problemas da cidadanía. Velaí o seu intenso traballo a prol do noso patrimonio cultural, en colaboración coa conselleira galeguista Anxela Bugallo. Ou a monumental pescuda que dirixiu a respecto dos lumes forestais, que concluiu en que a meirande parte deles eran actos voluntarios, mais sen que existisen esas organizacións criminais das que falaron no seu día Romay Beccaría e Núñez Feijóo.  

"Foi Carlos Varela o que atendeu dende o primeiro momento a punxente situación de milleiros de titulares de débeda subordinada das antigas Caixas galegas"

Carlos Varela e o entón vicepresidente Anxo Quintana déronlle pulo no 2009 á mediación familiar no Xulgado de Familia compostelán en colaboración cos Colexios de Psicólogos de Galicia e de Avogados de Santiago. Modelo de mediación que acadou estes anos un grande suceso, xa que a metade dos asuntos xudiciais de familia da área de Compostela acadan un acordo entre as partes, fronte ao 30%  no resto de Galicia . E foi Carlos Varela o que atendeu dende o primeiro momento a punxente situación de milleiros de titulares de débeda subordinada das antigas Caixas galegas, contribuíndo substancialmente á solución xudicial do problema ao pór o foco nel a medio da presentación dunha demanda colectiva. O Fiscal Superior, que fixo da defensa dos consumidores galegos un eixo da súa actuación, transmitiunos a necesidade dunha fonda modernización procesual que permita xudicializar a contratación en masa dun xeito colectivo, superando as estreiteces da actual lei procesual civil.

"Todo este traballo a prol do consumidor e do cidadán desenvolveuno na lingua propria de Galicia, amosando que o galego é lingua capaz para facermos Dereito"

E todo este traballo a prol do consumidor e do cidadán desenvolveuno na lingua propria de Galicia, amosando que o galego é lingua capaz para facermos Dereito e pulando por unha linguaxe xurídica galega  afastada da artificialidade e pomposidade do castelán xurídico. 

Carlos Varela amosou que existe capacidade de acción institucional eficaz para quen coñece, sinte e vive o País e o Dereito e segue as regras da comunicaciòn e da intelixencia emocional.  

Comentarios