Opinión

Un candidato solvente

O maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), Luis Villares, achega un perfil pouco común na política galega. Unha formación xurídica moi sólida (acadou a praza no TSXG como Maxistrado especialista en Dereito Administrativo),  unha carreira profesional moi completa, malia a súa idade-37- e un compromiso cívico que ven de moi lonxe. Coa vocación de servizo público da xustiza (é o coordinador en Galicia de Xuices para a Democracia), co estudo do impacto da crise nos dereitos sociais e no Estado do Benestar (Rede Arnela) e coa plena normalización da lingua. Compromisos todos que o xuiz Villares, pertencente á Irmandade Xurídica Galega, desenvolveu nos seus destinos dos Xulgados mixto da Fonsagrada e do Contencioso de Lugo e agora no TSXG.

O autogoberno non é só unha esixencia da nosa condición nacional e do noso dereito a decidir, senón que constitúe a ferramenta para acadar xustiza social e crecemento económico

Do que coñecimos até de agora do seu discurso, cómpre salientar a visión integrada do autogoberno e do benestar e a valoración da boa xestión transformadora como elemento fundamental da boa gobernanza. Pois o autogoberno non é só unha esixencia da nosa condición nacional e do noso dereito a decidir, senón que constitúe a ferramenta para acadar xustiza social e crecemento económico, tendo en conta que a economía do noso País alicérzase sobre bases que para  o Estado español son prescindíbeis. Canto ao acento posto sobre a necesidade dunha boa xestión, denota implícitamente a preocupación de Villares diante de determinadas disfuncións dos gobernos locais das Mareas, canda unha decidida aposta por desputarlle a Núñez Feijóo o discurso da eficiencia. Un discurso no que o actual Presidente segue a ter certa-en devalo- credibilidade, malia os resultados tan negativos da súa xestión a respecto das clases medias e maiorías sociais ao longo destes sete anos .

Mais a previsíbel escolla de Luis Villares non deixa de vir, quizais, bastante tarde. Certo é que Xulio Ferreiro non era moi coñecido na Coruña de primeiros de febreiro de 2015, mais nin o intre político é o mesmo, nin funcionan igual as locais ás nacionais nin son o mesmo 50 ca 100 días. Luis Villares terá que se enfrontar, nomeadamente, contra o descoñecemento. Mais  o seu perfil abre ocos que non existían e anuncia que vai haber partido de aquí ao 25-S.
   
 

Comentarios