Opinión

Camilo Nogueira

Na recente homenaxe nacional a Camilo Nogueira concorreron  todas as forzas políticas e sindicais e unha representación moi plural da sociedade galega. Recoñecéuselle así o seu intensivo traballo, a súa honradez, o seu carácter dialogante e máis a súa teimosìa nunha idea cívica, leiga e europea do galeguismo, do patriotismo.

O primeiro acerto de Camilo foi o de albiscar que a autonomía era irreversíbel. Que o Parlamento non era de papel, senón unha realidade que ía influir moito na vida da xente e un ponto de partida cara un auténtico autogoberno. E  que cumpría dotar á autonomía dun capital simbólico e normativo que permitise o recoñecemento das Institucións galegas como poderes lexislativo e executivo dun País e non como unha Mancomunidade de Deputacións. Camilo foi aquí fulcral. 

O segundo acerto foi o de reivindicar a europeidade de Galicia e a unidade europea como alicerce do galeguismo

O segundo acerto foi o de reivindicar a europeidade de Galicia e a unidade europea como alicerce do galeguismo. O europeísmo estivera sempre no ADN do galeguismo, até a fundación e primeira evolución da UPG, que percurou os referentes nas loitas anticolonización do Terceiro Mundo. Camilo racha con esta importante tendencia do galeguismo da transición e reivindica o europeísmo de Castelao, Plácido Castro ou Lois Tobío. Para alén disto,demostra que a CITROEN non é a multinacional inimiga, senón a principal industria deste País e un dos elementos vertebradores da nosa primeira área urbana. Como tamén reivindica INDITEX como fenómeno empresarial nomeadamente positivo, sen o que non se entende a actualidade da nosa segunda área urbana. A foto de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Amancio Ortega e José María Castellano na sede central de Inditex (abril 2001) constitúe un referente da normalización do galeguismo que arestora semella non ser do gosto de bastantes.

O BNG acertou recuperando Camilo para a politica institucional no 1997, demostrando que o galeguismo gaña cando é central, xeneroso e inclusivo. Como eurodeputado, facendo uso do galego internacional, exemplificou a forza potencial da Galicia na lusofonía, sen se malmeter en leas normativas estériles. E reivindicou eficazmente na Eurocámara a identidade e os intereses deste pequeno país europeo.

Camilo é dos imprescindíbeis.

Comentarios