Opinión

O BNG remata o seu ciclo

A calquera persoa patriota non lle pode resultar alleo o que lle ocorra ao BNG. Porque esta organización, coas súas virtudes e defectos, foi quen de artellar un proxecto común que constituiu no seu día a casa común do galeguismo, chegando ser segunda forza política no 1997 e no 2001 e acadando o Goberno autonómico no 2005, canda moitos locais dende 1999. Ao longo da súa historia, a xestión de goberno do BNG caracterizouse por ser rigorosa e bastante eficaz.

Mais unha parte da organización leu atravesadamente os resultados electorais do 2009, que supuxeron a recuperación da Xunta para o PP. O continuo camiño percorrido polo BNG entre 1985 e 2009 cara á centralidade e ás clases medias ficou tronzado e determinouse que habería que transitar o camiño na dirección contraria, cara ao esencialismo e a desconfianza diante da sociedade. Das resultas desta lectura, trunfadora por moi pouco en maio do 2009 , non só se afastou do centro de gravidade da organización aos centos de cadros relativamente novos que tiñan adquirido canda Anxo Quintana unha acaída experiencia de goberno e tiñan un modelo de País do século XXI. Non, ao mesmo tempo (malia que as dúas cousas xuntas semellen ben difíciles!) afastouse tamén do devandito centro de gravidade aos sectores da sociedade galega máis “lúcidos e rebeldes”, segundo verbas do profesor Beiras. Deste xeito, no 2011 o BNG ollou cara ao 15-M con desconfianza e non soubo interpretar o que estaba a pasar na rúa. Pensaba que todo se amañaba con máis esencias.

O discurso de Aymerich ou Vence en febreiro do 2016 e moi semellante ao de Teresa Táboas ou XM Pérez Bouza en febreiro do 2012

A fins de xaneiro do 2012 a xuntanza congresual de Amio afondou nesta liña. Sairon os socialdemócratas de Máis Galiza e os beiristas do Encontro Irmandiño. Como sairán agora os sectores máis próximos a Carlos Aymerich e, quizais, a Xabier Vence. Porque o discurso de Aymerich ou Vence en febreiro do 2016 e moi semellante ao de Teresa Táboas ou XM Pérez Bouza en febreiro do 2012.

Neste tempo a cidadanía fartou de agardar por quen perdeu a utilidade de lle resolver os problemas. O BNG enfróntase á dúbida de se precisa unha refundación ou dá por pechado o seu ciclo na historia do galeguismo político para contribuír á emerxencia doutros axentes.

Comentarios