Opinión

Bases para un galeguismo útil

A fondísima crise do BNG, o fracaso na constitución do Grupo Parlamentario de En Marea e máis as insuficiencias do galeguismo político para conectar coas novas realidades sociais están a xerar importantes realiñamentos políticos. Medra a conciencia de que cómpre unha ampla converxencia para que o galeguismo reinvente a súa condición de forza útil e garantía de boa gobernanza.

Semella que esta converxencia habería ir moito máis aló que un simple reagrupamento ou “patchwork” de convencidos e vellas glorias. Para ser útil o galeguismo ten que resintonizar co País, nomeadamente coa xente máis nova., Ten que interpretalo e construír un relato novo. E para iso cómpre unha estruturación moi plural e horizontal, dende a adscrición individual, trascendendo dos estreitos límites orgánicos dos actuais partidos políticos. E percurando unha vocación cidadá, aberta e integradora.

Medra a conciencia de que cómpre unha ampla converxencia para que o galeguismo reinvente a súa condición de forza útil e garantía de boa gobernanza

Porque un galeguismo útil habería partir da nosa identidade, mais estará moito máis preocupado por Galicia como proxecto cívico e como vontade de ser. E interpretará o autogoberno como o instrumento imprescíndibel para o noso benestar, á vista de que os alicerces estratéxicos da nosa economía son absolutamente prescindíbeis para o Estado español.

Un galeguismo útil só pode basearse na convivencia interclasista, nos valores da inclusión e cohesión social. Priorizando os servizos públicos como garantía de benestar. O que esixe tomar conciencia da necesidade dun novo financiamento autonómico e local e dunha compensación a xeito pola nosa vocación de produción enerxética.

Unha tal reformulación do galeguismo está chamada a se entender co progresismo español, nomeadamente con Podemos. Para gobernar e mesmo, probabelmente, para forxar combinacións electorais exitosas. Son forzas que partillan obxectivos no curto, mais dan vida a proxectos moi distintos.

Unha tal reformulación do galeguismo está chamada a se entender co progresismo español, nomeadamente con Podemos

Un galeguismo útil ten vocación de goberno e quere cogobernar axiña. É consciente das dificultades deste momento histórico, non promete asaltar os ceos nin o Palacio de Inverno e fornece día a día de solucións fondamente transformadoras, pero posíbeis. Porque sabe que o patriotismo, a honradez e o proxecto de País esixen unha gobernanza pragmática e útil para a cidadanía.

Comentarios