Opinión

Bandeiras dos nosos pais

Galicia viviu, no tempo que vai dende a guerra de Cuba do 1898 á guerra civil do 1936, un tempo de acelerado desenvolvemento económico nalgúns sectores, en grande parte xerado pola repatriación de capitais de Cuba e polas achegas dos nosos emigrantes en América, que activou un grande progreso social e cultural. 

Galicia viviu, no tempo que vai dende a guerra de Cuba do 1898 á guerra civil do 1936, un tempo de acelerado desenvolvemento económico nalgúns sectores, en grande parte xerado pola repatriación de capitais de Cuba e polas achegas dos nosos emigrantes en América, que activou un grande progreso social e cultural. Velaí que os galegos e galegas nados entre 1925 e 1940, aproximadamente, estaban chamados a protagonizar a continuidade deste proceso de desenvolvemento, incorporando o noso país ao concerto da Europa moderna.

"Os nosos pais traballaron na longa noite de pedra máis aló do límite das súas forzas para que os seus fillos tiveramos a oportunidade que a guerra negaralles".

Mais a guerra, que estas xeracións non fixeron, mais si sofriron, mancou este proceso. No 1940 volveu a fame. E aqueles nenos máis privilexiados da postguerra-coma os meus pais-que non coñeceron esta fame física viviron as privacións económicas, as frieiras e as limitacións á súa educación e desenvolvemento como persoas. Nas cidades galegas as mulleres da xeración das nosas nais perderon aqueles progresos na igualdade que acadaran as nosas aboas. Ás privacións económicas engadíase a represión política e  a vixilancia sobre as condutas cotiáns. Aquel país que medraba nos 30 retrocedera medio século por volta de 1953.

"As xeracións dos nosos pais e nais  tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia".

Malia estas privacións, os nosos pais traballaron na longa noite de pedra máis aló do límite das súas forzas para que os seus fillos tiveramos a oportunidade que a guerra negaralles. O plan de estabilización do 1959 forzou a ducias de milleiros  outravolta á emigración. As crianzas ficaron no País cos seus abós e moitos deles, nenos sen pais nos 70, souberon responderlles ao sacrificio e hoxe protagonizan a Universidade, a empresa ou a sanidade. Outros pais tiveron de enfrontar, despois da transición, o andazo da droga e da sida nos seus fillos. E moitos destes, compañeiros nosos, morreron por centos antes dos seus pais.

As xeracións dos nosos pais e nais  tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia. E que cumpría evitar, como fór, un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude. Velaí que hoxe  semelle acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais. Malia que só fose para aprender delas no próximo futuro. 

Comentarios