Opinión

A autoestrada da aldraxe

O 44% da poboación galega vive nos concellos polos que pasa a AP-9 e o 70% nas áreas territoriais que percorre esta vía, entre Ferrolterra e A Louriña-Tui. A cidadanía galega non ten outro xeito practicábel de circular de Ferrol a Vigo que pagar máis de 36 €, mentres as capitais de Castela e Andalucía desfrutan de conexións de balde por autovías, en canto Madrid é o ponto de converxencia dun sistema radial de autovías tamén gratuito.

Aznar ampliou a concesión da AP-9 até o 2048 e preparou a privatización da empresa concesionaria en beneficio do círculo de amigotes de sempre. Foise afastando cada vez máis a xestión e a propiedade da concesionaria e foron reducindo o emprego e empeorando o servizo. A mobilidade e o turismo sofren todos os veráns por estes recurtes pola pasividade dun Ministerio de Fomento que non exerce as súas competencias, tendo en conta que a vía é de titularidade estatal.

Aznar ampliou a concesión da AP-9 até o 2048 e preparou a privatización da empresa concesionaria en beneficio do círculo de amigotes de sempre

Porque ocorre que o Goberno do Estado, con esa (i) lóxica do centralismo (común a case todo o unionismo constitucionalista) rexeita o traspaso da AP-9 a Galicia por mor dun suposto interese xeral ao conectar coa fronteira portuguesa. Mais a vía non remata nesa fronteira, senón na autovía A-55, ademáis de que a fronteira xa non é tal no contexto europeo e de que a vía é o eixo principal de vertebración do noso país. A transferencia, xa que logo, é unha das máis urxentes tarefas de Galicia. 

O traspaso da AP-9 esixe unha actitude unitaria, de país. Mais o presidente da Xunta, sen dúbida consciente da acelerada mingua da súa influencia perante a dirección estatal do PP, mercoulle ao Ministerio de Fomento unha trapalleira comisión bilateral para a suposta xestión conxunta da vía. Unha comisión que non será eficaz, porque a titularidade seguerá a ser estatal. E ese é o problema, porque só cunha xestión de proximidade controlaranse os servizos que presta a concesionaria e poderanse moderar as peaxes.

Esta realidade haberíanos facer matinar nas consecuencias desta (i) lóxica centralista: unha mobilidade gratuíta no Centro e Andalucía custa unha elevada peaxe na Galicia. Unha realidade que constitúe nin máis nin menos ca unha aldraxe.

Comentarios