Opinión

O Austeritarismo

Todos estaremos dacordo que a axeitada administración é un valor proprio da ética civil democrática e da boa gobernanza. Os recursos que son de todos sempre son curtos e, xa que logo, compre administralos con xeito. 

Todos estaremos dacordo que a axeitada administración é un valor proprio da ética civil democrática e da boa gobernanza. Os recursos que son de todos sempre son curtos e, xa que logo, compre administralos con xeito. Mais profesar estes valores non ten nada ver coa doutrina do austeritarismo que Merkel, Rajoy e Feijóo profesan.  Unha doutrina que encaixa, no nível global, coa subordinación da economía produtiva á economía financeira e coa autonomía dos mercados financeiros para lles impór a súa dinámica aos Poderes democráticos. Para esta doutrina existiría unha “lóxica dos mercados” anterior e superior ao dereito das democracias a regular cadansúas economías e sociedades. Os Poderes democráticos non lle poderían pór atrancos á libre circulación dos recursos financeiros e haberían someterse a esta lóxica, que penaliza selectivamente os Estados e territorios que pretendan exercer cadansúas decisións democráticas e defender o seu modelo  de redistribución ou de reparto fiscal.

"A lóxica global dos mercados esíxelle ás democracias pagar a débeda nos prazos pactados, malia ser éstes inasumíbeis, antes de financiar as  necesidades básicas da sociedade. Velaí a reforma “express” da Constitución que fixeron PP e PSOE no outono do 2011".

A lóxica global dos mercados esíxelle ás democracias pagar a débeda nos prazos pactados, malia ser éstes inasumíbeis, antes de financiar as  necesidades básicas da sociedade. Velaí a reforma “express” da Constitución que fixeron PP e PSOE no outono do 2011. E, para acadar ese obxectivo, compre recurtar os servizos públicos para que saian as contas. Redúcese a calidade da educación e da sanidade pública, xérase exclusión social, destrúense as clases medias e grípase o motor económico. Menos emprego de calidade, menos produtividade, queda da actividade económica e menos recadación fiscal para pagarmos as facturas. O paradoxo ou círculo perverso do austeritarismo.

Mentres, grandes grupos estatais ou internacionais acoden encher o oco da oferta pública degradada, con claro prexuizo da calidade e do control normativo público. E, tamén, das empresas galegas que operaban como provedoras na área dos servizos públicos provistos pola Xunta. Baixa a calidade, baixa a cobertura social, si, pero tamén prívase a Galicia do seu dereito a exercer o control e fixar a calidade. Co que se abre a porta á entrada sen control de grandes grupos que subordinan, cando non botan fóra, ás empresas galegas que medraron coa extensión do Estado do benestar.

Comentarios